A CORUÑA ACOLLE AOS MÁIS DESTACADOS ESPECIALISTAS EN MIOCARDIOPATÍA HIPERTRÓFICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 09 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  interveu hoxe no acto de inauguración do IV Taller Internacional sobre Miocardiopatías, que organiza o Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e que reúne en Palexco, ao longo de hoxe e mañá, aos máis destacados especialistas mundiais en miocardiopatía hipertrófica. Cómpre sinalar que, nos últimos anos, a comunidade científica asistiu a extraordinarios avances no diagnóstico e no tratamento da miocardiopatía hipertrófica. Entre estes avances atópanse o manexo da comprensión xenética desta patoloxía, así como a aparición de novos tratamentos.

A miocardiopatía hipertrófica é una enfermidade que provoca un engrosamento do músculo cardíaco o que dificulta o correcto bombeo do sangue a todo o corpo. Na maior parte dos casos este engrosamento hipertrófico esta provocado por una alteración xenética.

Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria, esta enfermidade afecta a 1 de cada 500 persoas, aínda que aplicando estudos xenéticos, esta prevalenza pode ser maior e chegar a 1 de cada 250 persoas, “de aí a importancia dun diagnóstico precoz e o estudo dos familiares”. A enfermidade afecta tanto a homes como mulleres, persoas mozas ou adultos, sen diferenzas en razas, e o seu diagnóstico faise con técnicas de imaxe, principalmente mediante o uso da ecocardiografía.

Ata o 50% dos pacientes que presentan unha miocardiopatía hipertrófica poden estar asintomáticos e levar unha vida normal, o que significa que, ao non estar diagnosticada, son moitas as posibilidades de que provoque unha morte súbita, sendo este o motivo de morte súbita en persoas novas deportistas.

Os pacientes diagnosticados de miocardiopatía hipertrófica poden evolucionar nalgún momento cara unha perda de forza no seu corazón e presentar unha insuficiencia cardíaca, retendo líquido nos pulmóns ou nas pernas, precisando nalgúns casos dun transplante cardíaco ou a aparición de arritmias.

Pacientes a tratamento 

Segundo sinalou o conselleiro, ata o de agora non había tratamentos específicos para esta enfermidade, polo que se facía necesario o uso de medicamentos utilizados para tratar outras enfermidades cardíacas, como os betabloqueantes, que ralentizan o ritmo cardíaco, e que conseguían mellorar os síntomas destes pacientes.

Dende hai tres anos, -indicou o titular da carteira sanitaria-, a irrupción dos inhibidores da miosina, unhas moléculas especificamente deseñadas para o tratamento da miocardiopatía hipertrófica, conseguen mellorar a función motora do corazón, así como a súa relaxación, permitindo aos pacientes diagnosticados desta enfermidade levar unha vida totalmente normal.

Neste momento, na área sanitaria da Coruña e Cee, 15 pacientes están a tratamento con estes fármacos e os resultados obtidos son moi satisfactorios, -subliñou Comesaña-.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde