COMEZAN ESTE LUNS NA ÁREA SANITARIA DE FERROL AS VACINACIÓNS DA GRIPE E DA COVID NOS CENTROS SOCIOSANITARIOS E DO VIRUS SINTICIAL NOS MÁIS PEQUENOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 09 2023

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade activa a protección fronte os virus da gripe, da covid e o sinticial, causante este último da bronquiolite dos máis pequenos. A protección fronte ó sinticial é unha novidade do calendario vacinal infantil en Galicia, primeira no mundo en iniciar este acto preventivo. No caso da Área Sanitaria de Ferrol, o vindeiro luns 25 de setembro, ofertarase, dentro da campaña fronte a gripe e a Covid que remata o 31 de decembro, a vacinación conxunta de ámbolos dous virus nos centros sociosanitarios. Este é o primeiro chanzo dunha campaña que se realizará en diferentes puntos de vacinación e, ó igual que en campañas anteriores, será secuencial para favorecer a priorización dos colectivos con maior risco. Comezarase pola maña do luns no centro sociosanitario de Caranza, como se fixo cando chegou a vacina da Covid. Estímase protexer nas tres primeiras semanas de campaña a 1.500 persoas da Área ferrolá neste ámbito sociosanitario.

Tal e como indican dende o departamento sanitario da Xunta de Galicia, existen dous tipos de vacinas fronte á gripe. Unha tetravalente para toda a poboación menor de 80 anos, e outra de alta carga para as persoas de 80 e máis anos e para os usuarios das residencias de maiores con 60 ou máis anos. Tamén se conta cunha nova vacina fronte á covid-19 adaptada ás cepas circulantes. Os seguintes grandes chanzos na Área serán os inmobilizados en domicilio, a partir do 9 de outubro; os grupos de risco ou inmunodeprimidos e os maiores de 80 anos, a partir do 16 de outubro; e o resto da poboación obxecto da campaña, maiores de 60 anos e grupos de risco da gripe, a partir do día 26 de outubro, no recinto feiral de FIMO. Irase informando dos distintos chanzos, e, na maior parte dos casos, a convocatoria será proactiva con cita directa ou a partir dun SMS.

VRS, vacinación do virus sinticial causante de bronquiolite

De xeito paralelo, comezarase tamén na tarde deste vindeiro luns 25 coa aplicación das doses do anticorpo monoclonal (nirsevimab) do Virus Respiratorio Sincitial (VRS). Xa anunciou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que Galicia será pioneira en protexer ós cativos contra este virus que causa bronquiolite e provoca ata un millar de hospitalizacións anuais en Galicia. Así, a partir do 25 de setembro, recibirán inmediatamente a dose correspondente tódolos nenos e nenas que nazan na Área Sanitaria ferrolá. Serán vacinados no centro hospitalario nas primeiras 24-48 horas de vida aqueles que vaian nacendo dende ese 25 de setembro de 2023 e durante a campaña.

Ademais, comezará a se inmunizar tamén a aqueles rapaces que fosen prematuros (nados dende o 1 de outubro de 2021) e ós menores de dous anos que sexan considerados de alto risco ó padecer certas patoloxías como por exemplo, displasia broncopulmonar ou cardiopatías conxénitas. Na Área Sanitaria de Ferrol, vacinarase a este grupo de nenos nas tardes dos vindeiros luns e martes no Centro de especialidades do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Xa estaban a ser citados nestes días.

A previsión é inmunizar a tódolos nenos e nenas que naceran a partir do 1 de abril deste ano. Por iso, nas dúas primeiras semanas de outubro vaise citar vía SMS, tódolos días da semana incluídos sábado e domingo, ós nenos nados a partir dese mes e que non entran no primeiro grupo (prematuros ou de alto risco). Estímase que serán en total en tódolos grupos preto duns 400 pequenos e pequenas na Área ferrolá.

O virus respiratorio sincitial é un dos responsables da bronquiolite en bebés, unha patoloxía que causa preto de 1.000 hospitalizacións cada ano só en Galicia, o 75% en rapaces de menos dun ano. O obxectivo da inmunización é reducir o número de casos da bronquiolite para evitar complicacións de saúde graves nos cativos e ingresos hospitalarios.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde