RUEDA PRESENTA A ESTRATEXIA DE ONCOLOXÍA DE PRECISIÓN, QUE PERMITIRÁ Á SANIDADE PÚBLICA GALEGA AVANZAR NA MEDICINA PERSONALIZADA E APLICAR TRATAMENTOS AÍNDA MÁIS EFICACES PARA CADA TIPO DE CANCRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 09 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe en Santiago a Estratexia de Oncoloxía de Precisión que permitirá á sanidade pública avanzar na medicina personalizada e aplicar tratamentos aínda máis eficaces para cada tipo de cancro. “Queremos poñerlle nome e apelidos a cada tumor, entender como se producen, como evolucionan e como se pode loitar contra eles”, indicou o titular do Goberno autonómico.

Tal e como explicou Rueda, grazas a esta Estratexia -que comezará a implantarse en 2024- vaise impulsar “o diagnóstico molecular”,  ás terapias dirixidas para personalizar os tratamentos e vaise facilitar o acceso “a terapias innovadoras”. Deste xeito, os profesionais sanitarios poderán establecer decisións terapéuticas personalizadas en función das características moleculares de cada tumor.  

Para avanzar cara esta medicina máis personalizada, a Estratexia de Oncoloxía de Precisión contempla a creación dun grupo de expertos que xestionará todo o coñecemento neste ámbito e coordinará as actuacións; a elaboración dun catálogo de biomarcadores -que indicará que características buscar nos tumores e como actuar ante cada un deles-; a creación dunha rede de laboratorios de análise xenético-molecular ou o impulso da historia clínica molecular. 

O presidente da Xunta subliñou que esta folla de ruta -que se engloba na Estratexia de Xestión do Cancro aprobada o pasado ano- completase con outros avances impulsados pola Xunta para modernizar e mellorar a calidade asistencial aos pacientes coma a dixitalización dos servizos de anatomía patolóxica -que usará intelixencia artificial para interpretar mellor as mostras-; o futuro centro de fabricación de fármacos CAR-T -que comezará a funcionar a principios de 2024-, o centro de protonterapia que vai construírse en Santiago; a ampliación dos cribados ou a renovación do equipamentos nos centros sanitarios.

Rueda subliñou o compromiso da Xunta con seguir mellorando o sistema sanitario público. “Investir en sanidade sempre renta”, indicou para resaltar que isto implica desde medidas para “coidar dos profesionais ata contar con boas instalacións ou ter bos equipos tecnolóxicos”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde