​A XUNTA RENOVA O EQUIPAMENTO DE ONCOLOXÍA RADIOTERÁPICA CON DOUS ACELERADORES LINEAIS DE 4.4 M DE EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 09 2023

Cun investimento de 4.440.700 euros, a Xunta de Galicia ven de renovar o equipamento tecnolóxico do Servizo de Oncoloxía Radioterápica da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, con dous aceleradores lineais de última xeración, Varian True Beam, un a pleno rendemento desde xuño, e 2.300 sesións realizadas,  e o segundo xa instalado e en proceso de calibrado por parte do Servizo de Radiofísica. 

Os dous novos aceleradores, de 5 feixes de electróns e 4 feixes de fotóns, son na actualidade os máis avanzados da rede Sergas, xa que contan con dous feixes adicionais de alta taxa de radiación, e incorporan, por vez primeira en Galicia, un novidoso sistema externo de radioterapia guiada por superficie, que mellora a precisión e vixilancia, ata niveis milimétricos ou submilimétricos, do posicionamiento do paciente, aspecto clave en todo tratamento con radioterapia.

Para coñecer estes avances e a súa posta en marcha en Ourense, Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, visitou o servizo de Oncoloxía Radioterápica, no Hospital Universitario de Ourense, onde tamén se ven de instalar un dos seis novos TC deste Área, cun investimento superior ao medio millón de euros.

Precisión submilimétrica en posicionamiento e tratamento

O novidoso sistema de radioterapia guiada por superficie permite detectar a posición do paciente, sen usar radiacións ionizantes, alongar o tempo de tratamento ou aumentar a incomodidade do paciente, mediante un programa que emprega cámaras de luz infravermella situadas en tres puntos. 

Este sistema facilita ademais a labor dos técnicos de radioterapia, na colocación do paciente, e axiliza e verifica a súa posición, tanto antes como durante o tratamento, xa que permíte monitorear esta durante a sesión, alertando de calquera variación e interrompindo a radiación se o movemento é maior do tolerado. 

Na metade das máis de 2.300 sesións realizadas xa co novo equipo, aplicouse a unha modalidade de radioterapia avanzada de alta precisión: a Arcoterapia Volumétrica de Intensidade Modulada, ou VMAT (polas súas siglas en inglés), na que se subministra unha dose de radiación moi precisa, mediante un xiro continuado e completo do arco, adaptándose á forma do tumor. Esta técnica é moi rápida, completando voltas de 360º en menos de 2 minutos.

Esta tecnoloxía de vangarda ofrece numerosas vantaxes para o paciente, derivados da maior rapidez e precisión.  A xefa do servizo de Oncoloxía Radioterápica, María Dolores López destaca especialmente que “a precisión diminúe tamén os efectos secundarios, xa que permite modelar o feixe de radiación, adaptándose perfectamente á estrutura tridimensional do tumor, limitando así a irradiación de tecido san e reducindo o risco de danos nos órganos próximos” explica.

Os novos equipos posibilitan tamén a realización de novos protocolos de tratamento, nos que se aumenta a dose por fracción (ou sesión), diminuindo así o número de fraccións necesarias para completar un tratamento (hipo-fraccionamento), coa conseguinte mellora na calidade de vida dos pacientes.

A precisión do tratamento tamén se ve favorecida por unha mellora no sistema de imaxe “os novos aceleradores levan un tomógrafo (TC) incorporado, o que permite superpoñer e comparar esta imaxe coa do TC de planificación, que se realiza cada día de sesión, antes de pasar a tratamento” dí a doutora López.  Asemade os novos dispositivos están equipados para realizar as máis novas técnicas de radioterapia, como a SBRT ou a radiocirurxía de metástases cerebrais.

Minucioso traballo do Servizo de Radiofísica

O proceso de calibrado do segundo acelerador comezou a realizarse a pasada semana por parte da Servizo de Radiofísica. É un proceso complexo e imprescindible xa que permite medira radiación emitida polos feixes de fotóns ou electróns do acelerador, a súa intensidade, profundidade desde as diferentes posicións ou apertura, para traducila en “doses”. 

Como parte do proceso empregase unha cuba de calibrado, que ocupa o lugar do futuro paciente. Neste recipiente, recheo de auga, colócanse uns detectores que permiten medir a radiación en diferentes circunstancias, para despois volcar a información recollida nun planificador, onde os físicos estudan todas as variables e “caracterizan” a radiación de cada feixe, para así calcular as doses e establecer os diferentes algoritmos. 

Como explica Ana María Rodríguez, xefa do servizo de Radiofísica en Ourense, “a calibración é un traballo moi minucioso, exhaustivo e moi longo, de meses, pero imprescindible xa que nos permite establecer un modo de funcionamento seguro e fiable para tratar pacientes” . 

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria
A total renovación do equipamento de Oncoloxía Radioterápica é o investimento máis elevado dunha partida de 13.4 M de euros de fondos europeos (INVEAT) destinados pola Xunta á renovación tecnolóxica da sanidade pública de Ourense.
Na visita o director xeral estivo acompañado polo xerente da Área Sanitaria, Félix Rubial, e as xefas de servizo de Radiofísica, Ana María Rodríguez, e Oncoloxía Radioterápica, María Dolores López, que lle mostraron os pormenores e avances tecnóloxicos dos novos equipos. 

Estes investimentos englóbanse nos que está a tramitar o Goberno galego por un valor de máis de 67 millóns de euros, destinados a canalizar os fondos europeos Next Generation, de cara á renovación do equipamento hospitalario. Suman un total de 76 novos equipos, dotados da mellor tecnoloxía sanitaria e que se porán ao alcance, tanto dos profesionais do Sergas, como dos pacientes da sanidade pública.  

A Xunta tomou a decisión de complementar os fondos europeos con outros do seu propio orzamento para adquirir equipos de gamas superiores aos financiados, algo que xa sucedeu nos contratos de TC (para incorporar os de tecnoloxía espectral) ou das resonancias magnéticas. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde