A ÁREA SANITARIA DE FERROL SERÁ SEDE DA ENTREGA DOS PREMIOS DE INNOVACIÓN DA XUNTA DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 09 2023

​O xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, informou de que “Ferrol acollerá, no primeiro trimestre de 2024, a vindeira edición dos Premios de Innovación en Saúde da Xunta”, que teñen como fin promover as ideas innovadoras de profesionais sanitarios e pacientes“. Así o destacou o responsable da Área ferrolá no acto de inauguración da II Xornada de innovación en saúde da Área Sanitaria de Ferrol, acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros. 

O xerente tamén dixo que o Sergas, xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, forman parte do consorcio do proxecto Procure4Health da Comisión Europea referido á creación dunha rede europea de compra pública innovadora no ámbito da saúde, “e Ferrol vai ser sede, o vindeiro mes de outubro, dun dos intercambios de boas prácticas de innovación con outras rexións que se organizan nesta iniciativa”.

Innovación na Área Sanitaria de Ferrol

Tódolos proxectos de innovación nos que se está a traballar “débense ó traballo dos e das profesionais que están detrás, e que suman ó seu día a día o esforzo por innovar”. Esta tarde preséntanse proxectos cataláns e galegos, pero tamén da Área ferrolá. No eido do desenvolvemento tecnolóxico, un deles é o proxecto Tartaglia que, cun orzamento de 7,5 millóns de euros, permite desenvolver unha rede de centros asistenciais que combinan os seus datos para crear novos algoritmos de Intelixencia Artificial, e Ferrol participa activamente neste proxecto, mellorando o diagnóstico en patoloxías como a retinopatía diabética e o cancro de próstata. É presentado por Alberto Veiga, o responsable do Servizo de Anatomía Patolóxica.

Por outra banda, a oftalmóloga da Área, Nuria Olivier Pascual, fala tamén do proxecto Nazzar, que é un sistema de información para a xestión da unidade de terapia intravítrea coa que conta a Área Sanitaria de Ferrol. A responsable de Cardioloxía do CHUF, Raquel Marzoa, presenta SCA: Vixía e Actúa, proxecto de mellora do circuíto asistencial tras unha síndrome coronaria aguda.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde