A ÁREA SANITARIA DE FERROL TRABALLA NA CREACIÓN DUN COMITÉ DE DOR ONCOLÓXICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 09 2023
 A Área Sanitaria de Ferrol traballa na creación dun Comité de Dor Oncolóxica. Este tipo de dor é un dos principais criterios de derivación preferente á Unidade de Dor do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol xunto coa dor neuropática, a producida por lesión ou enfermidade do sistema nervioso. Así o expuñan esta mañá, nunha sesión clínica xeral no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, as profesionais de Anestesia Beatriz Bernaldo de Quirós e María Casero Flórez, que recordaban á tódolos compañeiros da Área Sanitaria que é a Unidade da Dor, cales son as súas funcións, e cales son os criterios de derivación a esta Unidade dende os distintos Servizos.

Estas profesionais incidiron en que existen follas de derivación e algoritmos aplicables para axudarlles a saber cando derivar a un paciente á Unidade da Dor, sobre todo aqueles pacientes nos que a dor pode reflectir patoloxías graves ou nos que a súa detección e atención a tempo impide a súa cronificación. Comezaron a sesión axudando a diferenciar cal é a dor patolóxica e cal non, describindo cada unha delas. Expuxeron as distintas metodoloxías e escalas para que o profesional dos centros de saúde e doutras especialidades poidan concretar cando é necesario chegar a esta Unidade, que ten en moitos dos casos un carácter de terceiro chanzo de derivación de lumbalxias tras especialidades como Traumatoloxía ou Rehabilitación.

"A dor é a principal causa de consulta tanto en primaria como en especializada", afirmaron esta mañá. O máis frecuente á a lumbalxia, de feito "o 80% da poboación terá algún episodio de lumbalxia na súa vida, pero só entre o 15% e o 20% do mesmo é  prolongado". Con este punto de partida definiron os tipos de dor, e cales son aqueles que deben chegar á Unidade, como por exemplo os que non responderan a tratamentos analxésicos previos; ós que se lle fixeran as probas e comprobacións en base ás citadas follas e algoritmos; pacientes que xa esgotaron as posibilidades de tratamento previas ou chegaron ó teito terapéutico, como pode ser a intervención cirúrxica"; e, tamén, ós que haxa que aplicarlles directamente técnicas intervencionistas para a súa redución. 

Recordaron que dende o ano 1994 non se recoñece a dor só como unha síntoma física se non que se lle dá tamén "relevancia ó compoñente emocional", polo que precisa unha abordaxe multidisciplinar. Xusto nesta liña, o responsable do Servizo de Anestesia e Reanimación do CHUF, Francisco Castro, subliña que se está a traballar xa con diversas especialidades, como Oncoloxía, Farmacia, Enfermaría e profesionais dos centros de saúde, entre outros, na creación dun Comité de dor oncolóxica, xa que é unha das dores candidata a esta Unidade. De feito, a mencionada dor neuropática, explicaban esta mañá, ten unha prevaleza de entre o 7 e o 10% dos casos de dor, pero o 40% desa dor neuropática é de orixe oncolóxica.

Unidade especializada e intervencionista

A Unidade da dor en Ferrol comezou a súa andaina a principios dos anos 80, foi unha das primeiras de España en se configurar, e desenvolve tódolos tratamentos, tanto dende o punto de vista farmacolóxico como de técnicas minimamente invasivas que existen. Como indicaban as profesionais na sesión clínica xeral "é moi potente e referencia en moitas técnicas". É referencia tamén para formación MIR tanto desta como doutras áreas, subliñaron esta mañá. A Unidade da dor, explicaban, "ten unha esencia fundamentalmente intervencionista" para substituír ou atrasar algunhas intervencións cirúrxicas.

Realízanse bloqueos, tanto diagnósticos como terapéuticos con ozono, con anestesia local ou corticoides ou con fármacos neurolíticos. Tamén radiofrecuencia ou técnicas máis invasivas e novedosas como a neuroestimulación, discolise, ou infusión espinal. Os e as profesionais da Unidade valoran exhaustivamente que técnica é a máis axeitada para cada caso. Todas estas técnicas e posibilidades aplícanse fundamentalmente, como xa se dicía, ás dores dos ósos e músculos, á dor producida por algunha patoloxía oncolóxica, á dor neuropática, ou ós trastornos vasculares, fundamentalmente, e entre outras. Como elas mesmas resumiron esta mañá: “a dor crónica é unha enfermidade en si mesma e precisa de tratamento con abordaxe multidisciplinar”.

A Unidade da dor trasladábase no 2010 ó Hospital Naval; e, con este cambio, gañou en espazo e oferta asistencial posto que duplicou o seu número de consultas, pasando de dúas a catro para os facultativos especialistas. Ademais, a actividade fíxose máis operativa posto que se incluíu un quirófano na mesma Unidade, co que, ó ter todo habilitado no mesmo espazo, artellouse unha metodoloxía de traballo máis efectiva, e traduciuse tamén en maior comodidade para os pacientes. Xunto con isto, habilitáronse tamén dúas salas de bloqueos (técnicas para o tratamento da dor) segundo a complexidade, unha para bloqueo menor e outra para bloqueo maior. Antes contaba só con unha.

Esta Unidade realiza unhas 1.230 consultas anuais; no entorno das 400 probas e técnicas en quirófano e unhas 1.050 técnicas fóra dos quirófanos. A patoloxía máis habitual soe ser a lumbar e a discal, seguida en terceiro lugar pola dor neuropática.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde