A DIRECTORA DA ADOS SALIENTA O LABOR DE SENSIBILIZACIÓN SOCIAL A PROL DA DOAZÓN DA MEDULA ÓSEA DESENVOLVIDO POLA ASOCIACIÓN ASOTRAME NO DÉCIMO ANIVERSARIO DA SÚA CREACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 09 2023

A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, asistiu á presentación do documental “10 anos de vida”, elaborado pola Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea (ASOTRAME), no seu décimo aniversario. Ao acto asistiu, así mesmo, a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros. 

Desde ADOS púxose de manifesto a importancia desta asociación en particular, pero de todas as agrupacións de doentes, no labor de sensibilización social a prol do doazón, nas súas diferentes versións (órganos, sangue, medula ósea,...).  

Marisa López salientou o compromiso solidario de ASOTRAME no transcurso da última década, e sinalou que, contar coa valiosa achega desta asociación, permitiu incrementar substancialmente o volume de información que recibe a sociedade galega en torno á doazón de proxenitores hematopoxéticos, máis popularmente coñecida como doazón de medula ósea.

A directora de ADOS felicitou a ASOTRAME e a súa presidenta, Cristina Piñeiro, por estes anos de sensibilizar desde unha perspectiva diferente, a que poden ofrecer as persoas que recibiron un transplante de medula ósea e o seu entorno familiar. Este xeito de concienciación social a prol da doazón de sangue non resulta unha mera transmisión de información, xa que permite poñer cara ás persoas que se beneficiaron da solidariedade dos doantes e, deste xeito, recuperaron un bo estado de saúde.

Inscricións en REDMO

A directora de ADOS lembrou que a Axencia é centro de referencia en Galicia para a tipaxe de doantes de medula ósea no REDMO (Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea) desde hai máis de dúas décadas e, na actualidade, 14.100 galegas e galegos figuran neste rexistro como doantes dispoñibles.

Actualmente, ADOS está implementando as medidas correspondentes ao desenvolvemento da terceira fase do Plan Nacional de Medula Ósea, que ten por obxectivo acadar un nivel de autosuficiencia do 35% no ano 2025, sendo unha das liñas mestras de traballo da Estratexia Nacional de Transplante de Proxenitores Hemaxopoéticos para os anos 2020-2025 (ENTPH).

Mellorar coñecemento

Un dos aspectos máis salientables da ENTPH, e no que a Axencia de Doazón e Órganos e Sangue está a traballar intensamente, -segundo manifestou Marisa López-, é o programa de accións encamiñadas a mellorar o coñecemento da actividade de transplante de medula ósea. 

Neste sentido, a Unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibillidade de ADOS dispón dunha certificación da European Federation for Immunogenetics (EFI), desde o ano 1998, renovada periodicamente. Esta unidade, foi recentemente reformada e modernizada, dispoñendo da tecnoloxía máis avanzada e dando conta do esforzo e compromiso da sanidade pública galega a prol deste xeito de doazón.

Colaboración coas organizacións

Así mesmo, dentro de ENTPH, promovida conxuntamente entre a Organización Nacional de Transplantes (ONT) e as comunidades autónomas, un aspecto fundamental é a promoción da doazón e actividades desenvolvidas con asociacións de doantes, para tentar mellorar e incrementar o coñecemento sobre este xeito de doazón.  Nesta liña de traballo, ADOS leva anos desenvolvendo iniciativas conxuntas con entidades como  ASOTRAME. Con esta entidade, a Consellería de Sanidade e ADOS asinaron, o ano 2021, un acordo de colaboración para fomentar iniciativas que permitan un maior coñecemento entre a cidadanía deste xeito de doazón, así como promover a captación de novos doantes.

En Galicia desenvólvense, de forma permanente, distintas campañas de promoción  da doazón e actividades en colaboración con diferentes asociacións relacionadas co  transplante de proxenitores hematopoéticos, co obxecto de mellorar a información que recibe a cidadanía e sensibilizar sobre a necesidade de contar cunha base de doantes adecuada. Neste eido, lembrar que, ao longo do presente curso académico, levaranse a cabo actividades de carácter divulgativo e de promoción no eido universitario, co gallo de desenvolvemento da campaña de doazón nas universidades galegas.

Alumnado galego

Os estudantes galegos e todos os membros da comunidade universitaria recibirán información sobre a doazón de medula ósea e desenvolveranse iniciativas encamiñadas a fomentar a inscrición de doantes no REDMO. Entre as accións programadas desde ADOS este ano, atópase a convocatoria dunha nova edición do Concurso Universitario de  Curtametraxes relacionados  coa  doazón e ou transplante de medula ósea.

Ademais, na súa intervención a directora puxo en valor o traballo que desde ADOS se está a facer para impulsar unha potente campaña de comunicación a través de redes sociais (Facebook, twitter, Instagram), así como elaboración de contidos  (YouTube), coa participación dos doentes, para dar a coñecer o valor dun transplante de medula ósea desde a perspectiva de quen o recibe.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde