​A PLATAFORMA TECNOLÓXICA TELEA LEVA ATENDIDAS A PRETO DE 8.500 PERSOAS PARA O CONTROL DO RISCO CARDIOVASCULAR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 09 2023


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe que a Plataforma Tecnoloxía TELEA, posta en marcha polo Sergas para o seguimento dos pacientes crónicos, ten habilitados 26 perfís destinados ao seguimento de diferentes patoloxías. Están directamente ligados co control do risco cardiovascular, co que a día de hoxe xa se atenderon a cerca de 8.450 persoas, -dixo o conselleiro-. Así o sinalou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, no acto de inauguración da XXI Xornada de enfermería sobre risco cardiovascular.

Neste evento, Comesaña puxo en valor o papel dos profesionais da enfermería no seguimento destes pacientes a través de TELEA, que é fundamental, xa que neles recae a revisión diaria da Unidade Central de Control, “e con iso a garantía da realización dun seguimento estrito e un contacto rápido con aqueles casos que o necesiten”.

Tal e como remarcou o conselleiro, “TELEA ábrenos grandes posibilidades para o seguimento por parte da enfermería de varios factores de risco cardiovascular”. En concreto, no caso da diabetes, un claro exemplo son os sensores de glicosa en líquido instersticial. De feito, -dixo Comesaña-, “xa hai máis de 1.000 pacientes telemonitorizados con equipos directamente conectados a TELEA”, e hai uns meses a Xunta licitou o seu primeiro contrato centralizado destes equipos, onde se establece que todos os novos sensores que adquira o Sergas deberán poder integrarse con esta plataforma, co que este modelo será xeneralizado en toda Galicia.

Outro factor de risco vascular que o departamento sanitario galego quere seguir mediante TELEA é o tabaquismo. Ao respecto, a Xunta aprobou o Plan Inspira Saúde que é a estratexia para a loita contra o tabaquismo. Neste documento, -dixo o conselleiro-, fíxase como un dos principais obxectivos do plan crear unha rede de apoio á cesación tabáquica co seguimento dos profesionais especialistas en tabaquismo e, esa rede, tamén utilizará TELEA para facilitar o seguimento, así como para aumentar a adherencia e evitar recaídas.

Para rematar a súa intervención, Comesaña subliñou que a enfermería desenvolve un papel fundamental na administración dos coidados axeitados para cada contexto asistencial, e remarcou que “o persoal de enfermería é un dos principais motores da engranaxe asistencial”, tanto a través do marco de actuación profesional como do da xestión.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde