COMESAÑA DESTACA A IMPORTANCIA DE INTERVENCIÓNS EDUCATIVAS PARA FOMENTAR A CONCIENCIACIÓN COA DOAZÓN E TRANSPLANTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 10 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu  á entrega de premios da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI) con motivo da inauguración, no Hospital Álvaro Cunqueiro, da exposición do V Concurso de Carteis para Escolares relacionado coa Doazón e Transplantes.

A apertura da exposición e entrega de galardóns contou coa presenza da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, e da directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, e o presidente de ADROVI, Celso García.

No acto, o conselleiro de Sanidade puxo en valor a actividade de concienciación da doazón dirixida a escolares porque “permite dotar de coñecemento á rapazada, que se atopa nunha idade moi receptiva, para que tome conciencia e transmita esta información no eido familiar”.

Como reflexo desa solidariedade, no ano 2022, o Servizo Galego de Saúde alcanzou a cifra de 128 doadores de órganos, que permitiron a realización de 296 transplantes nos hospitais galegos.  En concreto, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo rexistrou durante o pasado ano datos históricos nas doazóns de determinados órganos, con 9 corazóns e 18 pulmóns. Este fito foi posible grazas á xenerosidade de 27 doantes, que permitiu contar con 75 órganos.

No que vai de ano, ao peche do primeiro semestre de 2023, Galicia suma 50 doantes, dos que nove son de Vigo. 

Desde a realización do primeiro transplante no ano 1981 ata o remate de 2022, en Galicia realizáronse 9.217 transplantes de órganos.​

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde