SANIDADE TRABALLA NA ELABORACIÓN DE ‘CÓDIGO TRAUMA’ PARA OPTIMIZAR OS TEMPOS DE RESPOSTA E A ASISTENCIA DOS PACIENTES CON TRAUMATISMOS GRAVES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 10 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde a XV Xornada sobre a Urxencia e Emerxencia: Atención inicial ao trauma grave. Un encontro organizado pola Fundación Pública de Urxencias hospitalarias-061, e no que anunciou que o departamento sanitario da Xunta xa está a traballar na elaboración de ‘Código Trauma’, unha nova ferramenta que contribuirá a reducir os tempos de resposta e a asistencia dos pacientes que sufran un traumatismo grave.

Na súa intervención, o conselleiro destacou a importancia que posúe optimizar a asistencia sanitaria nos momentos iniciais no que se produce un traumatismo grave, Así, apuntou que ‘Código Trauma’ incidirá na coordinación de todos os niveis asistenciais da Sanidade galega para acurtar os tempos e mellorar os seus diagnósticos.

Os traumas graves son patoloxías tempo-dependentes e ocupan un lugar central na atención sanitaria extrahospitalaria. Porén, a aplicación de medidas axeitadas nos seus primeiros momentos, “contribúe a incrementar o número de superviventes neste tipo de accidentes, e tamén diminúe o número e a severidade das súas posibles secuelas”, apuntou Comesaña.

“Galicia xa conta cun Código Ictus ou un Código Sepse, e cremos que tamén é necesario contar cun Código Trauma”-remarcou o conselleiro-, ao tempo que precisou que os accidentes de tráfico representan na actualidade a principal causa de enfermidade traumática grave. 

Os accidentes constitúen a primeira causa de morte e discapacidade en persoas menores de 35 anos e, os traumatismos graves, eríxense como a sexta causa de morte e a quinta de discapacidade no mundo. 

Obxectivos dunha xornada multidisciplinar

No transcurso desta XV Xornada sobre a Urxencia e Emerxencia: Atención inicial ao trauma grave, persoal médico, técnico e de enfermería analizaron e compartiron as novidades diagnósticas e terapéuticas na atención inicial deste tipo de pacientes, os últimos avances no control das hemorraxias e transfusións prehospitalarias, ademais de valorar a eficacia dos sistemas de alerta temperá ou a importancia da mobilización óptima de recursos.

Xunto co anterior, tamén se expuxeron as novas técnicas e dispositivos dispoñibles para levar a cabo unha axeitada estabilización dos pacientes ou a utilidade dos parámetros metabólicos no tratamento e prognóstico do traumatizado grave.

O acto contou coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; a directora da Fundación Pública de Urxencias hospitalarios 061, Adriana Regueira; e a vicepresidenta da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES-Galicia),María Teresa Maza Vera. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde