A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE GALARDOADA COS PREMIOS SOLIDARIOS GRUPO SOCIAL ONCE GALICIA 2023
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 10 2023

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) recibiu hoxe o premio “Solidarios” na categoría de Estamento da Administración Pública que outorga o Grupo Social ONCE. Á gala, que distingue a todos aqueles que destacan pola súa solidariedade, asistiu a directora de ADOS, Marisa López García, quen agradeceu ao Grupo Social ONCE a elección de ADOS como galardoada na presente edición destes prestixiosos premios.

A directora dedicou o galardón a todos os doantes, porque son eles os que coa súa xenerosidade e solidariedade salvan vidas todos os días, e aos profesionais de ADOS que coñecedores do seu carácter de centro esencial, velan por todos os 365 días do ano e fan posible co seu traballo que a cadea de solidariedade, que é sen dúbida a doazón, chegue a todos os recunchos de Galicia.

O Grupo Social Once Galicia recoñeceu o labor desenvolvido pola Axencia, no trinta aniversario da posta en funcionamento das campañas de doazón en unidades móbiles na nosa Comunidade, destacando o altruísmo da cidadanía galega, que realizou máis de tres millóns de doazóns neste período.

Información e participación

O xurado da presente edición dos premios “Solidarios” salientou que o labor de información de ADOS, sensibilizando á poboación acerca da vital importancia da doazón de sangue, e o acceso a este xesto solidario mediante o incremento das facilidades dadas para poder doar, teñen sido os dous eixes fundamentais que permitiron incrementar, de forma significativa, a taxa de doazón de sangue en Galicia.

Neste sentido, a Axencia lembra que, todos os días do ano, resulta preciso obter entre 400 e 500 doazóns de sangue para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos. A día de hoxe doar sigue sendo un xesto imprescindible que salva vidas. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde