​O RETO “UN MATCH POR UNHA VIDA” CHEGA A GALICIA PARA FOMENTAR A DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 10 2023
 


O reto “un match por una vida” celébrase en Santiago de Compostela o próximo luns 16 de outubro para informar á poboación sobre a doazón de medula ósea, en especial a poboación entre 18 e 40 anos, coa finalidade de salvarlle a vida a persoas con leucemia ou outras doenzas do sangue.

O próximo luns, un autobús da Organización Nacional de Trasplantes e a Fundación Josep Carreras contra la Leucemia, en colaboración coa Consellería de Sanidade, instalarase no paseo central da alameda compostelá para informar e invitar á cidadanía a que se fagan doantes.

O Programa en Galicia de Transplante de Medula Ósea, tamén coñecido como transplante de Proxenitores Hematopoéticos, comezou en 1994 e grazas á xenerosidade dos galegos e galegas, o Registro Español de Médula Ósea conta con máis de 14.000 cidadáns da Comunidade rexistrados. 

A iniciativa “Un match X unha vida” comezou no 2019 co obxectivo de aumentar os doantes inscritos no Registro Español de Donantes de Médula Ósea (REDMO), que conta na actualidade con máis de 460.000 doantes tipificados. Este “Tour” dura 45 días e visitará 17 cidades españolas e Andorra, tendo como obxectivo chegar ao medio millón de doantes.

A probabilidade de atopar un doante de medula ósea fóra do ámbito familiar compatible é de 1 entre 3.500. Por iso, a campaña procura concienciar e informar aos máis novos nun ambiente distendido, polo que se realizarán  actuacións e xogos no autobús. Ademais, un equipo de sanitarios proporcionará información específica sobre o que implica este tipo de doazón e rexistrará como doantes ás persoas que o desexen. Tamén contará cunha zona específica para extraer mostras dos doantes. Ao carón do autobús do “Match Tour” estará unha unide móbil da Axencia de Doazón de Organos e Sangue (ADOS), en horario de 9.30 a 21.00 horas, para todas aquelas persoas que desexen doar sangue.

Para rexistrarse como doante de medula ósea hai que ter entre 18 e 40 anos de idade, non padecer nin ter padecido ningunha enfermidade grave transmisible polo sangue, cubrir e asinar o consentimento informado do REDMO e aceptar que se extraia unha pequena mostra de sangue para estudar a histocompatibilidade.

Entrega de premios

Ese mesmo día, na alameda de Santiago de Compostela, o conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, fará entrega VIII Concurso universitario de curtametraxes relacionados coa doazón e co transplante de medula ósea. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde