SANIDADE REMARCA A IMPORTANCIA DOS PROGRAMAS DE FORMACIÓN Á POBOACIÓN PARA AXUDAR ÁS PERSOAS QUE SOFREN UNHA PARADA CARDÍACA EXTRAHOSPITALARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 10 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior,  Santiago Villanueva Álvarez; e pola directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira; asistiu hoxe pola mañá, na Academia Galega de Seguridade Pública, ás actividades organizadas con motivo do Día Europeo sobre a concienciación ante o paro cardíaco. 

O conselleiro dixo que este día que hoxe se conmemora nace dunha declaración do Parlamento Europeo e, dende o ano 2013, Galicia súmase a esta iniciativa a través do 061, realizando diversas actividades divulgativas e formativas. 

No acto Comesaña sinalou que, no ano 2012, iniciouse o proxecto OHSCAR (Out-of-Hospital Spanish Cardiac Arrest Registry) co acordo entre os servizos de emerxencias para coñecer a supervivencia da parada cardíaca extrahospitalaria en cada unha das comunidades autónomas participantes e no conxunto do Estado. 

Dito proxecto inclúe variables clave, clínicas e epidemiolóxicas, relacionadas co paciente e o evento, ademais da atención previa á chegada do equipo de emerxencias, a asistencia realizada por dito equipo, o seguimento hospitalario e a situación neurolóxica á alta dos pacientes recuperados. 

Datos da incidencia da parada cardíaca en Galicia

Segundo dixo o titular da carteira sanitaria, os últimos datos analizados do proxecto, correspondentes ao ano 2022, sinalan que en Galicia rexistráronse 483 casos, cunha incidencia de 16 casos por 100.000 habitantes, por baixo da media estatal. O 75,5 deles foron en homes, cunha idade media de 62,3 anos. Remarcar que 226 casos ocorreron no domicilio do paciente e 64 na vía publica, o que fai fundamental un correcto recoñecemento da parada cardíaca e o aviso inmediato aos equipos de emerxencias. 

No 79,4% das paradas cardíacas realizouse reanimación cardiopulmonar por testemuñas e, en 71 ocasións, utilizouse un desfibrilador semiautomático. A realización de manobras por parte de quen presenza a parada é fundamental, xa que duplica o tempo de mantemento da vítima en condicións óptimas, permitindo a chegada dos equipos de emerxencias e dando lugar a incremento da supervivencia con bo estado neurolóxico.

Estes datos reflicten a importancia dos programas de formación á poboación como o de Reanimación Cardio Pulmonar na aula, ou o Acode e Axuda, e o da implantación de desfibrilador semiautomático no ámbito extrahospitalario. Este proxecto, iniciado en Galicia no ano 2000 coa publicación do primeiro decreto nacional que regulaba a  utilización destes aparellos, ofreceu resultados positivos ano tras ano, tendo actualmente a poboación a posibilidade de coñecer a localización de todos os desfibriladores semiautomáticos en disposición de ser utilizados a través da aplicación SERGASMÓBIL. No 30,6% dos casos o paciente foi recuperado e trasladado con pulso ao hospital, e deles o 33,4% foi dado de alta con bo estado neurolóxico. 

Os datos da nosa Comunidade son perfectamente comparables, e mesmo mellores en moitos casos, a series publicadas de supervivencia da parada cardíaca a nivel europeo e mundial, o que indica o elevado nivel de atención, formación e capacitación de todos os integrantes da cadea de supervivencia na nosa Comunidade, desde a testemuña ata os coidados hospitalarios, incluíndo o papel fundamental nesta patoloxía dos equipos de emerxencias. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde