O CONSELLEIRO DE SANIDADE SUBLIÑA A NECESIDADE DE TRABALLAR NA SENSIBILIZACIÓN DA XUVENTUDE SOBRE A DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 10 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu o acto de entrega de premios aos gañadores do oitavo Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, promovido pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

O evento, que tivo lugar esta mañá no paseo central da alameda de Santiago de Compostela, contou, ademais, coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; da directora de ADOS, Marisa López; e da coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas. 

O conselleiro de Sanidade subliñou a importancia de seguir a traballar na creación dunha conciencia social favorable ao xesto altruísta da doazón e o transplante en toda a sociedade, en especial entre as xeracións máis novas. Nese sentido, Comesaña lembrou que Galicia leva anos traballando no aumento do coñecemento e de novos doantes de medula ósea no ámbito universitario, grazas á colaboración das tres universidades galegas. 

Así mesmo, o titular da carteira sanitaria puxo en valor todo o esforzo que se realiza dende a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS, para fomentar a información e sensibilización relativa á doazón e o transplante de medula ósea ao colectivo universitario, campo no que se circunscribe esta oitava edición do Concurso de Curtametraxes.

Neste punto, Comesaña lembrou que ADOS é o centro de referencia en Galicia para a tipaxe dos doadores de medula ósea integrados no Rexistro Español de Medula Ósea (REDMO) e que, na actualidade, contabiliza máis 14.000 doantes galegos tipados.

A entrega de premios coincidiu coa presenza do autobús informativo da campaña Match Tour, organizada pola Fundación Josep Carreras e a Organización Nacional de Trasplantes, en colaboración coa Coordinación de Transplantes de ADOS, e que está visitando 17 cidades españolas e Andorra, tendo como obxectivo informar e invitar á cidadanía que se fagan doantes de medula ósea para poder acadar os 500.000 inscritos. Ao seu carón tamén estivo unha unidade móbil de ADOS para que puidesen doar sangue todas as persoas que o desexaran.

Neste sentido, o conselleiro felicitou aos máis de 600 galegos e galegas que o ano pasado se rexistraron como doantes de medula ósea, e que fan que o milagre do transplante sexa unha realidade.

Premiados

Nesta oitava edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, acadou o primeiro premio o traballo “Comparte as cores”, realizado polos alumnos da Facultade das Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, Marta Rodríguez Cacheda e Alejandro Añón Blanco.

No que se refire ao segundo premio, recaeu na curtametraxe “Quimera”, realizada polos estudantes de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, Cristóbal Añón Blanco e Xián García Eiroa; mentres que o terceiro premio foi “ex aequo” para os traballos ”Doa medula, completa vidas”, presentado pola alumna de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, Alexia Mariño Beiro, e polo traballo “Compartimos vida”, da estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, Carla Fernández Pita.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde