O mal tempo non desanimou a participación na campaña que coordina a Dirección Xeral de Saúde Pública de vacinación simultánea de Gripe e Covid das persoas maiores de 80 anos, que se iniciou este luns nos centros de saúde das cabeceiras de comarca e nos puntos de vacinación de Ourense, Verín e Valdeorras, superando o 70% de media con 2.859 vacinados.
Alta participación media en toda a provincia, que rondou o 90€ de participación en Valdeorras, onde onte se superaron os rexistros do conxunto de puntos de vacinación, con 265 persoas vacinadas nunha convocatoria de 300.
A campaña de vacinación Covid-Gripe é secuencial, para favorecer a priorización dos colectivos con maior risco. Así, comezouse polos centros de maiores e de discapacidade, para continuar coa inmunización a domicilio de persoas inmobilizadas, que se mantén, ao igual que a recaptación de residentes que non puideron recibir as vacinas, ou unha delas, por motivos de saúde ou ingreso hospitalario.
Esta semana tamén comeza a vacinación fronte á gripe dos nenas e nenos de 6 a 59 meses, para quen as súas familias deberán solicitar cita nos seus centros de saúde, onde se lles administrará. En paralelo continuará a inmunización dos maiores de 80 anos, poboación diana que en Ourense ascende ata 33.501 persoas, nos centros de saúde de: Allariz, Bande, Carballiño, Castro Caldelas, Coles, Celanova, Maceda, A Pobra de Trives, Ribadavia, Viana do Bolo e Xinzo de Limia. Ao igual que noutras campañas, a vacinación dos usuarios dos Servizos de Atención Primaria de Verín, O Barco de Valdeorras e Ourense será nos hospitais públicos de Verín, Valdeorras, Expourense e Hospital Universitario de Ourense.
Os maiores non teñen que pedir cita
As persoas con 80 ou máis anos non teñen que pedir cita no seu centro de saúde, como era habitual noutras campañas de gripe, xa que todos os usuarios serán citados directamente mediante unha mensaxe de texto, ou SMS, onde se lles axuntará o día e hora a que poden acodir.
A vacina fronte á covid-19 está adaptada ás cepas circulantes e non precisará de máis doses neste inverno. Igualmente, disponse con dous tipos de vacinas fronte á gripe. Unha tetravalente para toda a poboación menor de 80 anos, e outra de alta carga para as persoas de 80 e máis anos e para os usuarios das residencias.
De 70 a 79 anos a partir do 26 de outubro
Posteriormente, a partir do día 26 de outubro, comezarase a dobre vacinación da franxa de idade de 70 a 79 nos grandes recintos, e continuarase vacinando nos domicilios as persoas inmobilizadas do mesmo grupo de idade.
Desta forma, prosegue o calendario da campaña de vacinación conxunta gripe e covid ata chegar a todas as persoas maiores de 60 anos, embarazadas e mulleres durante o puerperio, persoas menores de 60 con condicións de risco, persoal de centros sanitarios e sociosanitarios e persoas que traballan en servizos públicos esenciais como Forzas e corpos de seguridade do Estado, bombeiros ou Protección Civil.