A XUNTA COMPLETA O PROCESO DE HOMOLOGACIÓN DAS UNIDADES DE MAMA DO SERGAS PARA GARANTIR A EQUIDADE TERRITORIAL E CONSOLIDAR O TRABALLO MULTIDISCIPLINAR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 10 2023

A Xunta vén de completar o proceso de homologación das unidades de mama do Sergas para garantir a equidade territorial e consolidar o traballo multidisciplinar. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita á unidade de mama do Hospital Universitario Lucus Augusti, coincidindo co Día Mundial contra o Cancro de Mama.

Na visita do conselleiro, na que tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares Rico, o titular da carteira sanitaria dixo que o primeiro ámbito ao que o seu departamento aplicou o novo modelo organizativo transversal e de atención integral, como é o constituído polas Unidades Funcionais Multidisciplinares, foi precisamente a mama, “co que garantimos a equidade territorial”.

Tal e como incidiu o conselleiro, estas unidades contan, ademais, cun comité clínico, “que é o órgano colexiado fundamental de participación e decisión”. Deste xeito, profesionais de diferentes categorías e especialidades programan e deciden o seguimento e tratamento de modo conxunto. Grazas a esta organización, Comesaña dixo que “se aplican os mesmos protocolos dentro da rede do Sergas”.

O responsable do Sergas explicou que estas unidades están conformadas por profesionais de cirurxía xeral, xinecoloxía, radioloxía, oncoloxía médica, anatomía patolóxica, psicoloxía, cirurxía plástica e enfermería e, dende a súa constitución en abril do pasado ano, “xa levan realizadas máis de 38.000 consultas”.

Na súa intervención, Comesaña puxo en valor que o ano pasado a Xunta renovou catro mamógrafos dixitais destinados ao cribado mamográfico por preto de 800.000 euros, e este ano adxudicou novo equipamento para os hospitais galegos por valor de máis de dous millóns de euros. Entre estes equipos, o conselleiro dixo que está un novo mamógrafo dixital de diagnóstico hospitalario, “que se instalará o mes que vén nesta unidade e que tivo un importe de preto de 500.000 euros”.

Máis de tres millóns de exploracións

O responsable da sanidade pública da nosa comunidade remarcou que o Programa galego de detección precoz do cancro de mama naceu hai máis de 30 anos “e atópase plenamente consolidado”. Segundo os últimos datos dispoñibles, permitiu que se fixeran máis de tres millóns de exploracións, “situando os niveis de participación ao redor do 80% e, grazas ao mesmo, descubríronse en Galicia preto de 11.000 cancros”.

Xunto ao anterior, Comesaña dixo que Galicia comezou este ano a ampliar o rango de idade deste cribado para chegar ás mulleres de entre 70 e 74 anos. Esta ampliación dos rangos de idade “vai significar que a poboación diana do programa se incremente nun 25% en toda Galicia, o que supón 100.000 mulleres máis”.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro deu as grazas a todos os profesionais que conforma a Unidade de Mama do Hospital Universitario Lucus Augusti, e dun xeito especial á súa coordinadora, Lucía Graña, pola súa implicación e labor diario.

O HULA, pioneiro en España na técnica da crioablación

Xunto ao Hospital de La Paz, a unidade de mama de Lugo é pioneira a nivel nacional no tratamento do cancro de mama por vía percutánea coa técnica denominada crioablación, que destrúe un volume seleccionado de tecido usando frío extremo. Agora mesmo, segundo indicou a radióloga Lucía Graña, ofrécese a pacientes que non poden ou non queren pasar por quirófano e que antes tiñan como única terapia tratamento hormonal, radioterapia ou simplemente seguimento clínico e radiolóxico. 

Así, o HULA participa nun estudo multicéntrico liderado polo Hospital Vall D'Hebron que  pretende avaliar a seguridade e eficacia da crioablación na cirurxía de cancro de mama en estadio precoz e con baixo risco diagnosticado en mulleres posmenopáusicas.

Ademais, a unidade de mama de Lugo colabora tamén co CHUAC no estudo ‘macma’ que pretende reducir,  polos efectos adversos que conlevan, o número de linfadenectomías axilares en mulleres tratadas con mastectomías.

En total, a unidade de mama de Lugo atende 20 pacientes diarias nas súas cinco consultas á semana de cirurxía e xinecoloxía. Ao longo de 2022, realizáronse 9.530 exploracións en radioloxía, o que supón un milleiro máis que en 2021. Así, o ano pasado diagnosticáronse 280 casos de cancro de mama. No referente a cirurxías, leváronse a cabo 285, a maioría ambulatorias, 248 foron por patoloxía maligna, xa que a benigna se trata en raios por vía percutánea.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde