OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2024 DESTINAN 856 MILLÓNS DE EUROS Á ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 10 2023

A Área Sanitaria da Coruña e Cee disporá o vindeiro ano 2024 do orzamento máis alto da súa historia, acadando a cifra récord de 856 millóns de euros. Así, tal e como se recolle no proxecto de orzamentos, a Xunta de Galicia destinará un 5% máis que o pasado ano á atención sanitaria da área da Coruña e Cee, o que supón 42 millóns de euros máis.

Preto da metade do orzamento destínase ao Capítulo I, isto é, ao pagamento das nóminas do persoal, máis de 7.500 traballadores da área, tanto dos centros de saúde como dos hospitais. Este capítulo abrangue o 48% do total, 407 millóns de euros.

Ao Capitulo II, bens e servizos, dedícanse 294 millóns de euros, un 34%. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de dispensación hospitalaria, material e instrumental sanitario, implantes ou laboratorios.

50 millóns de investimentos

Ademais, a Xunta de Galicia prevé realizar uns investimentos de mais de 50 millóns de euros na sanidade pública coruñesa. Destes, máis de 43 millóns irán dirixidos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e mais de 7 millóns á Atención Primaria.

O investimento no Hospital Universitario A Coruña ascenderá a mais 41 millóns de euros para desenvolver a fase 1 do Plan Director do novoCHUAC e a algo mais dun millón de euros para a reforma da área de urxencias do Hospital de Cee.

7 millóns para Atención Primaria

No referido á Atención Primaria, dos mais de 7 millóns de euros que se investirán nas obras de construción e reformas de centros de saúde na Área Sanitaria da Coruña e Cee, están reservados 2,2 millóns de euros para avanzar na obra do novo centro de saúde de Abegondo.

Unha das partidas máis destacable, cunha asignación de mais de 2 millóns de euros, é para financiar o novo centro de saúde de Santa Lucía, que figura no capítulo VII de transferencias de capital, pois será unha transferencia ao Concello da Coruña, encargado de licitar proxecto e obra segundo o convenio asinado.

Asemade, os Orzamentos tamén recollen unha partida de 200.000 euros para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria cando os Concellos correspondentes acheguen ao Sergas unha parcela axeitada, como poderían ser os centros de Carballo ou Malpica.

Dentro da partida de 319.000 de Plan de Atención Primaria para reformas, ampliacións e melloras de centros de saúde están reservados 100.000 € para o inicio da obra de reforma dos centros de saúde de Curtis.

Entidades de Atención Sociosanitaria

O proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 inclúe preto de 12 millóns de euros dentro das contas do Sergas para transferencias a entidades de atención sociosanitaria, de saúde mental e de atención ás adiccións.

Parte destes fondos destínanse a entidades de eido autonómico ou para convocatorias de axudas de carácter competitivo, pero tamén hai consignadas partidas específicas para convenios nominativos con entidades de eido local.

No caso da Área Sanitaria da Coruña e Cee as asociacións beneficiadas por estes fondos, que acadan preto de 2,3 millóns de euros, son a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (ACLAD), 2 millóns de euros; a Asociación Ex-Alcohólicos A Coruña, 244.000 euros; a Asociación Antonio Noche López, mais de 32.000 e a Asociación Vieiro de Carballo, con preto de 8.000 euros.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde