OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA O VINDEIRO ANO 2024 REFRENDAN CUN 4,7% DE INCREMENTO CON RESPECTO A 2023 A APOSTA POLA SANIDADE PÚBLICA EN PONTEVEDRA E O SALNÉS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 10 2023

Os orzamentos asignados á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés pola Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2024 refrendan a aposta da Administración autonómica pola sanidade pública, cun incremento global dun 4,7 por cento das partidas económicas con respecto ás investidas no presente ano 2023, o que supón 20 millóns de euros máis de dotación orzamentaria.

Así, destinaránse o vindeiro ano un total de 452.201.057 euros para ambos distritos sanitarios de Pontevedra e O Salnés. De feito, máis da metade do orzamento adicaráse ao Capítulo I, isto é, ao pagamento das nóminas do persoal -que acada arredor dos 3.600 profesionais de diversas categorías- tanto dos centros de saúde como dos hospitais da Área Sanitaria. Este capítulo abrangue o 53% do total do orzamento anual para 2024, que acada os 241 millóns de euros.

Ao Capitulo II -que abrangue bens e servizos- a Xunta de Galicia adica na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés o vindeiro ano máis de 119 millóns de euros, un 26,3% do orzamento global. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de dispensación hospitalaria, material e instrumental sanitario, implantes ou laboratorios.

Investimentos para o Novo Montecelo e Atención Primaria 

Ademais, a Xunta de Galicia prevé investir 76,3 millóns de euros para o Novo Montecelo, dos que 50,7 millóns son para completar a obra de ampliación e outros 25 para a compra do equipamento. Así mesmo, investiránse outros 200.000 euros para reformar as áreas dos equipos de Hospitalización a Domicilio así coma as dependencias do 061 emprazadas no Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa.

No que atinxe ás inversións para a Atención Primaria, dentro das partidas orzamentarias autonómicas de 7,18 millóns do Plan de Atención Primaria e de 14 millóns de euros do Plan de Atención Primaria FEDER 21-27 para construción de centros de saúde en toda Galicia, están reservados 2 millóns de euros para o desenvolvemento da obra do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, cuxo proxecto foi elaborado e aprobado durante o presente ano 2023.

Así mesmo, a Xunta de Galicia reserva 400.000 euros en 2024 para o proxecto do novo centro de saúde de Meis, toda vez que o Concello xa cedeu a parcela á Administración autonómica e está xa encomendada a licitación deste proxecto á Axencia Galega de Infraestruturas.

Para o proxecto do novo centro de saúde de Soutomaior, hai reservada unha partida económica específica de 300.000 euros, unha vez remate o proceso de cesión da parcela por parte do Concello. No Concello de Barro, a Xunta de Galicia prevé investir en 2024 unha partida orzamentaria de 200.000 euros para o proxecto do novo centro de saúde desta localidade, cando se complete o proceso de cesión da parcela por parte do consistorio. 

E para iniciar a ampliación do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo -cuxo proxecto e obra foron encomendados á Axencia Galega de Infraestruturas durante 2023- están reservados 500.000 euros.

Tamén, para esta Área Sanitaria durante o vindeiro ano 2024, a Xunta dispón dunha partida orzamentaria doutros 200.000 euros para licitar proxectos de novos centros de saúde contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria -cando os concellos acheguen parcelas axeitadas- como poderían ser os de Caldas de Reis, O Grove e Poio, ademáis da ampliación do centro de saúde de Moraña -consistorio que xa asinou un protocolo coa Xunta e está a tramitar a modificación urbanística que permita licitar dito proxecto-.

Equipamentos en centros de saúde da Área Sanitaria

Dentro da partida de 10,7 millóns de Plan de Acción de Atención Primaria para equipamentos adquiriránse para os centros de saúde desta Área Sanitaria 11 bisturís eléctricos para cirurxía maior ambulatoria, 12 ecógrafos, 15 retinógrafos, 24 desfibriladores, 50 dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais, 90 sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial, 26 analizadores sanguíneos portátiles para a realización de probas de detección rápida e preto de 250 padiolas de exploración e de transporte.

Transferencias a entidades de atención sociosanitaria

Dentro do proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 tamén se inclúen máis de 11,6 millóns de euros dentro das contas do SERGAS para transferencias a entidades de atención sociosanitaria, de saúde mental e de atención ás adiccións.

Parte destes fondos destínanse a entidades de eido autonómico ou para convocatorias de axudas de carácter competitivo, pero tamén hai consignadas partidas específicas para convenios nominativos con entidades de eido local. No caso da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a asociación beneficiaria destes fondos é a Asociación Rexurdir de Marín, con 27.065 euros.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde