A ÁREA SANITARIA DE LUGO, A MARIÑA E MONFORTE CONTARÁ CUN ORZAMENTO RÉCORD DE MÁIS DE 624 MILLÓNS DE EUROS PARA O VINDEIRO ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 10 2023

A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos disporá o vindeiro ano 2024 do orzamento máis alto da súa historia, acadando unha cifra récord de máis de 624 millóns de euros. Tal e como se recolle no proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2024, o Executivo galego destinará á área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos un presuposto de 624.294.780 euros, un 6% máis que neste ano, no que a área sanitaria dispoñía de 592 millóns de euros. Isto supón, que en 2024 a área sanitaria da provincia de Lugo contará con 37,2  millóns de euros máis que no actual exercicio orzamentario.

A maior parte do orzamento da área sanitaria lucense destínase ao Capítulo I, é dicir, a gastos de persoal. O pagamento das nóminas dos máis de 6.000 traballadores do Sergas na provincia (entre o persoal dos tres hospitais e dos traballadores dos máis de 80 centros de saúde que a sanidade pública galega ten na provincia de Lugo), contará o vindeiro ano con 315,3 millóns de euros, 26 millóns de euros máis que no ano actual, no que o Capítulo I contou cun orzamento de 289 millóns de euros. Isto supón un incremento de preto dun 9%. Esta suba está destinada ás melloras salariais do persoal do Sergas acordadas por unanimidade coas organizacións sindicais (aumento das retribucións de gardas e quendas de noite ou festivo, carreira profesional...), así como para a dotación de novas prazas. 

Ao Capítulo II, que corresponde a bens correntes e servizos, dedícanse 179,2 millóns de euros, 5 millóns de euros máis que no actual exercicio de 2023. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de dispensación hospitalaria, material e instrumental sanitario, implantes, material de laboratorio, radioloxía e medicina nuclear, entre outros.

Dos 624 millóns de euros dos que disporá a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos para o vindeiro ano, preto de 222 millóns de euros estarán destinados exclusivamente a Atención Primaria, 8 millóns de euros máis que no actual exercicio.

Investimentos en infraestruturas

A parte dos case 625 millóns de que disporá a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos para o vindeiro ano, o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 contempla outros importantes investimentos en materia sanitaria, fundamentalmente en infraestruturas e en adquisición de tecnoloxía de última xeración para os centros sanitarios da provincia, cos que o Executivo galego amosa o seu firme compromiso coa mellora da sanidade pública de todos os galegos.

Así, a Xunta de Galicia ten previstos máis de un millón de euros para licitar a obra da fase II do plan director do Hospital Público da Mariña, unha vez que en 2023 se presentou xa o proxecto arquitectónico e se rematou a actuación previa, consistente na creación dunha nova zona para albergar o TAC de última xeración adquirido para este centro e para a resonancia magnética fixa, coa que foi dotado este hospital e que supuxo un investimento de case un millón de euros. A resonancia magnética do Hospital da Mariña xa está en funcionamento dende hai un mes. Estes dous novos equipos de avanzada tecnoloxía permiten mellorar de xeito substancial a capacidade diagnóstica da área de radioloxía do Hospital da Mariña.

O goberno galego tamén consigna algo máis dun millón de euros para a licitación do proxecto do plan director do Hospital Público de Monforte de Lemos, que prevé unha remodelación integral deste centro hospitalario do distrito sur da provincia, xa iniciada coa creación dunha nova área do Hospital de Día de Oncohematoloxía, un Hospital de Día Polivalente, a reforma da área de laboratorios... Tamén se acometerán actuacións previas, como a reparación das cubertas do hospital.

Máis de dous millóns de euros en infraestruturas de Atención Primaria

A partida destinada pola Xunta de Galicia ao Plan de Atención Primaria e ao Plan de Infraestruturas de Atención Primaria FEDER 21-27 para o ano que vén ten reservados un total de un millón de euros para iniciar a construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla.  Este novo centro de saúde dotará aos usuarios de Antas de Ulla dun centro de saúde amplo, moderno, confortable e funcional. 

Dentro desta partida tamén hai reservados 700.000 euros para iniciar a reforma integral do centro de saúde de A Milagrosa (Lugo). O traslado das consultas deste centro sanitario da capital provincial ao novo Centro Integral de Saúde que se abrirá en breve, permitirá empezar a reforma integral deste centro do Sergas e así dotar a este barrio de Lugo dun centro de saúde máis accesible, moderno e funcional.

A Xunta de Galicia tamén destina 400.000 euros para a obra de ampliación do centro de saúde de Outeiro de Rei, unha vez que este ano foi licitado e adxudicado o proxecto arquitectónico no que se basearán os traballos e que permitirán unificar o centro de saúde e o PAC.

A reforma do centro de saúde de Meira tamén está contemplada nos orzamentos do vindeiro ano. Para iso, reserváronse 200.000 euros. O proxecto para a execución da da reforma deste centro elaborouse este ano, e está pendente dunha modificación puntual do urbanismo por parte do concello para poder iniciar a obra. 

Os orzamentos da Xunta tamén recollen unha partida de 200.000 euros para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria cando os concellos correspondentes acheguen as parcelas axeitadas, como poderían ser os de Pantón, Ribadeo ou Sagrado Corazón.

Tecnoloxía para Atención Primaria

Dentro do Plan de Acción de Atención Primaria para equipamentos, a Xunta de Galicia adquirirá para os distintos centros de saúde da provincia de Lugo 4 bisturís eléctricos para cirurxía maior ambulatoria, 10 retinógrafos, 23 ecógrafos, 30 desfibriladores, 50 sistemas de monitorización ambulatoria de presión arterial, 92 dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais, 41 analizadores sanguíneos portátiles para a realización de probas de detección rápida e máis de 200 padiolas de exploración e de transporte.

O proxecto de orzamentos do goberno galego inclúe, ademais, 11,6 millóns de euros dentro das contas do Sergas para transferencias a entidades de atención sociosanitaria, de saúde mental e de atención ás adiccións. Parte destes fondos destínanse a entidades de eido autonómico ou para convocatorias de axudas de carácter competitivo, pero tamén hai consignadas partidas específicas para convenios nominativos con entidades de eido local. No caso da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos as asociacións beneficiarias destes fondos son a Cruz Vermella de Lugo, con 747.763 euros; a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental de A Mariña con 247.134 euros e a Aliad Ultreia, con 56.050 euros.

Os orzamentos destinados polo Xunta de Galicia á sanidade da provincia de Lugo poñen de manifesto o compromiso do Goberno galego coa sanidade pública, dotando a esta provincia dos maiores recursos financeiros da súa historia, que se traducirán en importantes melloras na atención dos pacientes.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde