GALICIA OFRECE A ASTURIAS PRESTAR ATENCIÓN SANITARIA Á VECIÑANZA DO MUNICIPIO DE IBIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 10 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse esta semana no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo coa alcaldesa do concello asturiano de Ibias, Gemma Álvarez Cereigido, para trasladarlle o ofrecemento da Xunta de prestar asistencia sanitaria á poboación dos Coutos, unha das parroquias deste municipio limítrofe con Galicia. Á reunión tamén asistiu o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares Rico.

Coa finalidade de mellorar a atención sanitaria da cidadanía independentemente do lugar en que viva, a Xunta remitiulle en setembro ao Goberno do Principado de Asturias un borrador de convenio de colaboración para a asistencia en zonas limítrofes. O goberno galego está agardando pola conformidade do asturiano para poder iniciar a tramitación deste convenio, que require dun trámite por parte de ambas administracións  e, finalmente, ser remitido ao Senado para autorización.

En canto sexa asinado, e por catro anos prorrogables, a veciñanza da parroquia dos Coutos do municipio de Ibias terás asignados en Galicia os seus servizos de atención primaria, atención hospitalaria e transporte sanitario. En concreto, os arredor de 50 habitantes desta parroquia asturiana pasarán a acudir ao centro de saúde de Navia de Suarna, a 26 minutos en coche, en lugar de ao seu centro de referencia en San Antolín de Ibias, a 45 minutos. No caso do centro hospitalario, o tempo de viaxe será dunha hora ao HULA en lugar de 1 hora e 45 minutos ata o Hospital de Cangas de Narcea. 

Así, as persoas susceptibles de acollerse a este convenio tramitarán a obtención de tarxeta de asistencia a desprazados no centro sanitario da comunidade de destino, coas prórrogas que se precisen sine die, polo que manterán a tarxeta sanitaria da súa comunidade de orixe. Aínda que o convenio pode modificar no futuro o seu ámbito territorial, inicialmente beneficiará a citada parroquia dos Coutos, cos lugares de Folgueiras, Lagúa, La Muria, Parada, Santa Comba, Valdeferreiros, Vilarello, Villaselande e Viñal. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde