O CHUAC REALIZA POR VEZ PRIMEIRA UN IMPLANTE DE PRÓTESE DE XEONLLO UTILIZANDO CIRURXÍA ROBÓTICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 10 2023

Un dos aspectos máis difíciles da cirurxía de substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e funcionen sen problemas. Polo tanto, o obxectivo principal dos dispositivos robóticos é de prover ao cirurxián dunha ferramenta específica para executar, de forma exacta, os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación cirúrxica previa, conseguindo así restablecer a cinemática e o balance de partes brandas do xeonllo primitivo. O brazo robótico proporciona retroalimentación táctil, visual e auditiva para axudar ao cirurxián a lograr a orientación desexada, o que pode mellorar a estabilidade e mobilidade.

“Unha das vantaxes mai importantes que nos aporta esta tecnoloxía é a de poder reproducir a anatomía exacta do xeonllo do paciente, atendendo ás súas particularidades, o que conleva un menor dano das partes brandas que rodean a articulación, o que redunda nunha recuperación mais rápida e unha redución da dor postoperatoria”, destaca a Dra. Elisa Covelo, cirurxana da unidade de xeonllo do CHUAC.

Sinalar que en cirurxía ortopédica e traumatoloxía, a utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo e de cadeira demostrou ser a técnica máis vantaxosa para o doente comparadas coas manuais, supoñendo unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante, ademais de supoñer menor sangrado durante a cirurxía, menor dor postoperatoria, menor tempo de recuperación e de estancia hospitalaria e unha diminución das complicacións.

Benedicto Novoa, xefe da unidade de xeonllo do CHUAC, puntualiza que “con este tipo de tecnoloxía conséguese unha perfecta estabilización do xeonllo xa antes de realizar ningún corte na articulación, permitindo ter unha previsión mais exacta do resultado final”.

Beneficios dos sistemas robóticos para pacientes e profesionais

Os sistemas robóticos son aparatos concibidos coa finalidade de axudar e mellorar a destreza e capacidade cirúrxica. O aumento e a mellora da destreza permiten ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, serían imposibles nalgúns casos, proporcionando unha considerable mellora na seguridade das intervencións cirúrxicas.

Este novo sistema de cirurxía robótica ortopédica ven a completar a oferta xa existente cos robots Davinci, dotando ao CHUAC dunha importante tecnoloxía robótica en diversas especialidades cirúxicas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde