GALICIA AVANZA NA GUÍA PRÁCTICA DE LESIÓNS CUTÁNEAS E TECIDOS BRANDOS ASOCIADOS A OSTOMÍAS, NO MARCO DO PROGRAMA ‘ÚLCERAS FÓRA’
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 10 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  inaugurou esta mañá a XII Xornada provincial de ostomías que acolle o salón de actos do Hospital Montecelo de Pontevedra.

Na súa intervención, Comesaña resaltou os avances na elaboración da Guía práctica de lesións cutáneas e tecidos brandos asociadas a ostomías, no marco do programa ‘Úlceras Fóra’. “Como sabedes, o estoma supón para o paciente un forte impacto que repercute na súa vida social, laboral e familiar. Por iso resulta esencial a prestación dunha atención continuada no tempo por parte dos distintos profesionais”, lembrou o conselleiro de Sanidade.

Ademais do traballo dos profesionais, Comesaña agradeceu a colaboración coa Xunta da Asociación Sociosanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII) pola organización desta xornada e polo seu asesoramento á hora de habilitar baños adaptados a pacientes con ostomía. No ano 2017, o Hospital Montecelo  convertíase no primeiro de toda España en instalar un baño totalmente acondicionado para as necesidades das persoas ostomizadas, en base ás achegas de ASSEII. Así, hoxe en día as sete áreas sanitarias contan xa con baños adaptados a este tipo de paciente.

Desta forma, o conselleiro recoñeceu a colaboración desta entidade na formación que se ofrece desde a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e a presenza de ASSEII no Consello Asesor de Pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

En canto á humanización dos espazos hospitalarios, o responsable da sanidade pública galega fixo mención á doazón de cadros entregados hoxe e deseñados pola artista Itziar Ezquieta con bolsas de ostomía decoradas, dentro do proxecto “Arte nas consultas”. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde