A UNIDADE DE LESIONADOS MEDULARES DO CHUAC CONTA XA COS NOVOS EQUIPOS DE ROBOTIZACIÓN PARA A REHABILITACIÓN DESTES PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 10 2023

A unidade de lesionados medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, na que a Xunta investiu máis de 770.000 euros na súa robotización, a través de fondos REACT-UE, conta xa co novo equipamento. Este será de gran axuda á hora de avaliar a capacidade motora dos pacientes, así como proporcionar terapias intensivas e ofrecer asistencia ao movemento das persoas.

Esta unidade, que é referente en Galicia e en parte do territorio español no que atinxe á hospitalización de agudos, tivo ao longo de 2022 un total de 185 ingresos e preto de 1.350 consultas externas. Ademais, é un centro pioneiro e de referencia para a rexionalización de ensaios clínicos e de investigación na lesión medular.

Ademais leváronse xa a cabo os traballos necesarios para a posta en marcha na unidade dunha videoconsulta que evita desprazamentos innecesarios ao hospital e que facilita a atención. Esta ferramenta ofrece, tamén, apoio á atención primaria para o correcto seguimento dos pacientes no domicilio.

Todos estes avances son froito da aposta da Xunta de Galicia por aproveitar os fondos europeos para introducir a tecnoloxía robótica na sanidade pública, un camiño que se iniciou a mediados de 2021 coa adquisición de sete equipos de cirurxía robótica, un para cada área sanitaria, e que se está a continuar con outros proxectos entre os que se decidiu incorporar agora a esta unidade referencial en Galicia.

Aparataxe

A adxudicación deste material corresponde a un proxecto de renovación tecnolóxica para manter e mellorar a atención ao lesionado medular na comunidade galega. Así, adquiriuse un novo sistema de rehabilitación robótica da marcha e dous lotes de equipamento novo para a unidade que permitirán unha actuación rehabilitadora máis eficaz e eficiente. Un deles é un sistema robótico de rehabilitación da extremidade superior e man, que posibilitará acurtar tempos de tratamento en terapia ocupacional e mellorar a funcionalidade das mans e extremidades superiores en pacientes tetrapléxicos.

Por último, tamén foron adquiridas neste concurso publico dúas padiolas de verticalización e mobilización temperá de extremidades inferiores, que axudarán a reducir tempos de encamamento e mellorar o proceso de tratamento en fisioterapia, acurtando de xeito importante os tempos de rehabilitación, e facendo o tratamento máis seguro e eficaz.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde