​DOUS MÉDICOS DE MOZAMBIQUE COMPLETAN A SÚA FORMACIÓN ESPECIALIZADA NO HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 11 2023

O Hospital Universitario de Ourense acolle estes días a Manuel Revelino Mujovo e a Alcinda Sambo, dous médicos residentes do Hospital Central de Maputo, (Mozambique), que completan a súa formación especializada no marco dun programa de cooperación do Ministerio de Sanidade, liderado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e xestionado pola Fundación CSAI, coa que a nosa Área Sanitaria ven colaborando desde hai anos en distintos proxectos solidarios.

A Fundación Estatal Saúde, Infancia e Benestar Social (Fundación CSAI) é o organismo responsable da xestión do Programa de Formación Médica Especializada, que está a facilitar a formación de preto de 8.000 profesionais sanitarios de 15 países, en Ourense de Níxer e Mozambique.

Manuel Revelino Mujovo, residente de cuarto (R4) de Traumatoloxía, encara o seu último mes en Ourense, no que tamén coincidirá con Alcinda Sambo, R3 de Anestesia e Reanimación, que se incorporou este mes de outubro.  Ambos permanecerán seis meses formándose, guiados polos titores e colaboradores docentes, das respectivas especialidades, nun itinerario formativo coordinado pola xefa do Servizo de Neurocirurxía, Ana Pastor, colaboradora en proxectos de fortalecemento das capacidades do Sistema Nacional de Saúde en Mozambique e Níxer, tamén da AECID.

Fortalecer a formación dos médicos especialistas

A formación postgraduada en Mozambique ten unha duración similar á de España e,  con esta estanza, os profesionais benefícianse do acceso a novas tecnoloxías e procedementos de recente implantación, moi especialmente daqueles minimamente invasivos, como no caso da traumatoloxía: a artroscopia, polo que á súa volta convertiranse a súa vez en formadores. 

Tamén no caso de Anestesia e Reanimación o itinerario formativo de Alcinda Sambo afonda no manexo da dor, rotando nesta Unidade, e o papel e técnicas dos anestesistas en quirófano, especialmente en intervencións de Cirurxía Pediátrica e Neurocirurxía, especialidades deficitarias ata o momento no seu país de orixe, polo que a súa formación redundará na saúde dun gran número de persoas. 

A xefa do servizo de Neurocirurxía de Ourense, Ana Pastor, leva cinco anos participando no proxecto de cooperación para a formación de especialistas e fornecemento dos sistemas de saúde de Níxer da Fundación CSAI, e máis recentemente, desde 2021,  de Mozambique. 

Durante este período viaxou en numerosas ocasións a Níxer, como membro do equipo español, colaborando na formación de formadores no manexo de pacientes politraumatizados, na que Ourense é referente nacional como sede dos cursos de ATLS, para ir ampliando a base asistencial do propio país na atención desta problematica, que presenta unha alta incidencia e mortalidade, dada a siniestrabilidade e casuística dos accidentes en poboación moza.

Cooperación internacional e solidariedade

Esta é a segunda vez que o Área Sanitaria de Ourense, Verín y Valdeorras, acolle sanitarios en formación dentro dun marco de cooperación, tras a estanza formativa,  este mesmo ano, dun médico e un enfermeiro de Níxer, Komma Issoufou e Hamadou Nayoussa, profesionais do Hospital Nacional de Niamei, que rotaron por distintos servizos do Hospital Público de Verín e do Universitario de Ourense.

Esta liña cooperación conta co pleno apoio da dirección e os seus equipos docentes. Mostra deste compromiso, unha delegación da Fundación CSAI, liderada pola súa coordinadora xeral, Marieta Iradier, visitou o pasado mes de abril o Hospital Universitario, onde se reuniron cos profesionais ourensáns e o seu equipo directivo, para agradecer a colaboración e explorar novas posibilidades de traballo conxunto, que se consolidan coa actual estanza formativa de especialistas en formación. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde