O
presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello
aprobou iniciar a tramitación do Proxecto de lei de protección da
saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas “que
vai equiparar as bebidas enerxéticas ao alcohol e os vapeadores ao
tabaco”. É dicir, tal e como explicou, grazas a nova normativa
“quedará prohibida a venda e consumo destes dous produtos a
menores de idade” na comunidade galega.
Tendo
en conta os resultados da última enquisa ESTUDES publicada en 2022
sobre as tendencias de consumo da mocidade en canto a alcohol,
tabaco, cannabis, bebidas enerxéticas, xogo e uso de internet e
novas tecnoloxías, a Consellería de Sanidade deseñou unha lei que
promove hábitos de vida saudables e regula o seu consumo,
especialmente entre menores. Esta norma segue o mandato acordado polo
Parlamento de Galicia de forma unánime en 2021 a través dunha
proposición non de lei.
Rueda
salientou que grazas a esta normativa “Galicia se vai situar á
vangarda na prevención de condutas adictivas en menores de idade”
e resaltou que o obxectivo é “combater os efectos perniciosos
acreditados” de substancias coma os cigarrillos electrónicos ou os
vapeadores. Na mesma liña, o conselleiro de Sanidade, Julio García
Comesaña, salientou que se trata dunha lei que busca “previr máis
que castigar” e coa que se busca “concienciar a sociedade galega”
sobre os efectos para a saúde destes produtos e “reducir a
tolerancia” que aínda pode existir cara eles.
Concienciación
pioneira sobre bebidas enerxéticas
O
presidente resaltou que Galicia “vai ser pioneira” na regulación
das bebidas enerxéticas “que conteñen altas doses de cafeína e
outras substancias estimulantes”. Así, no proxecto de lei que será
publicado no Portal de Transparencia da Xunta, prohíbese o seu
consumo por parte de menores, dado que poden producir alteracións do
sono, ansiedade, irritabilidade, arritmias e outras problemáticas de
carácter neurolóxico ou psicocomportamental. Ademais, é
preocupante a súa mestura con alcohol, xa que as bebidas enerxéticas
enmascaran os efectos depresivos das bebidas alcohólicas.
Polo
tanto, en Galicia non estará permitido dirixir publicidade de
bebidas enerxéticas a menores de idade. Igualmente, non poderán ser
promocionadas en centros sanitarios, centros docentes para menores e
centros destinados a menores, en espazos recreativos como parques
temáticos, espazos de entretemento ou divulgación e en recintos ou
espazos de actividades deportivas no momento en que deportistas ou
practicantes sexan maioritariamente persoas menores. Nestes mesmos
espazos, estará prohibida a venda de bebidas enerxéticas. En canto
á publicidade, entendendo o poder de influencia sobre infancia e
adolescencia, os eventos dirixidos a menores non poderán estar
patrocinados por este tipo de produtos.
Desta
forma, do mesmo xeito que as persoas menores non terán permitido
consumir nin comprar bebidas enerxéticas, estará prohibida a súa
venda a menores así como a súa presenza en máquinas expendedoras.
No resto de establecementos, a localización das bebidas enerxéticas
deberá estar separada dos refrescos para evitar que se conciban como
produtos similares e deberá esixirse o DNI para acreditar a maioría
de idade da persoa consumidora, salvo que sexa evidente de forma
clara.
No
que se refire ao alcohol, tal e como explicou o conselleiro, esta
nova lei introduce como novidade que as xefaturas territoriais de
Sanidade, e non os Concellos, poidan impoñer sancións á práctica
do botellón e ademais, poderán ser sancionados os concellos que
permitan a presenza de botellóns no seus territorios.
En
canto á publicidade, as bebidas alcohólicas, cando se publiciten na
vía pública, terán que localizarse a máis de 200 metros de
calquera centro docente ou de protección de menores. En revistas,
libros ou folletos, a súa publicidade non poderá estar situada na
portada ou contraportada e, nos folletos que conteñan no seu
interior ofertas ou promocións de bebidas alcohólicas en
supermercados galegos, o anuncio deberá incorporar un código QR que
remita a unha web da Xunta con mensaxes informativas para previr o
seu consumo. Como excepción, estas limitacións non serán
aplicables a festas declaradas de interese turístico.
Prevención
do tabaquismo en menores
No
referente aos cigarros electrónicos, Rueda lembrou que “inclúen
nicotina” e que “aínda que as veces se venden son deseños
pensando na poboación más nova, non son produtos para nenos e
adolescentes”. Por iso, con esta nova normativa Galicia prohibirá
a súa compra e uso por parte de persoas menores, equiparando a
lexislación deste produto á normativa referente ao tabaco.
Do
mesmo xeito, para reducir os efectos nocivos de ser fumador pasivo,
establécese a prohibición de fumar nas marquesiñas e paradas do
transporte público ou nas piscinas de uso público e regúlase un
espazo libre de fume obrigatorio de 50 metros a cada lado con
respecto a dependencias das administracións públicas, recintos
sanitarios ou centros docentes e formativos.
Así,
preténdense reducir os riscos para a saúde que provocan o tabaco,
xa que é a primeira causa de morte evitable segundo a Organización
Mundial da Saúde e causa de 12 tipos de cancro, máis alá do cancro
de pulmón.
Educación
no uso de novas tecnoloxías
Ademais
a Xunta facilitará formación ás familias e incorporará ao
currículo educativo pautas sobre a supervisión, tempos de uso e
contidos de redes sociais e novas tecnoloxías entre menores porque o
seu uso inadecuado pode levar ao fracaso escolar ou a problemas de
relacións interpersoais de diversa gravidade.
No
que atinxe aos videoxogos, tal e como explicou Comesaña, a lei
promovida pola Xunta marcará nos establecementos de venda unha
organización clara de cada videoxogo en función da idade
recomendada.
Aposta
pola información fronte ás sancións
O
texto acordado hoxe no Consello da Xunta inclúe un apartado das
sancións correspondentes a cada tipo de infracción, para garantir o
seu cumprimento, aínda que se especifica que as infraccións leves
ou graves poden substituír a multa correspondente por programas
preventivos ou asistenciais que a Consellería de Sanidade xa
facilita actualmente a través de unidades de prevención de condutas
adictivas en concellos ou asociacións.
Desta
forma, búscase acadar o obxectivo de fomentar hábitos de vida
saudables entre a poboación galega. Así, unha persoa que fume onde
non está permitido exponse a unha sanción que pode chegar aos
601,01 euros no seu grao mínimo ou ben podería ser conmutada por
cursos para deixar de fumar ou eliminar o hábito de consumir alcohol
en botellóns. No caso de persoas ou establecementos que, por
exemplo, permitan o consumo de substancias prohibidas para menores ou
fumar en lugares prohibidos poden ser sancionados coa suspensión de
subvencións públicas de concellos ou da Administración autonómica.
O
contido desta lei foi tratado cos sectores da hostalería e ocio
nocturno, bebidas alcohólicas ou supermercados de nivel nacional en
máis dunha ducia de reunións.