ADOS ALCANZA AS 653 DOAZÓNS DE SANGUE NA CUARTA CAMPAÑA ANUAL QUE REALIZOU NAS INSTALACIÓNS DE STELLANTIS VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 11 2023

A cuarta campaña de doazón de sangue que este ano desenvolveu a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) nas instalacións de Stellantis Vigo, e que tivo lugar os días 24, 25 e 26 de outubro e 2 de novembro, rematou cun excelente  resultado de 653 profesionais que doaron sangue, sendo 49 as persoas que doaban por primeira vez, o que supón ter acadado unha cifra de 74.291 doazóns dende 1995, ano no que comezaron as colectas de sangue neste centro. 

No transcurso do presente ano, ADOS ten realizado catro campañas de doazón no Centro de Vigo do Grupo Stellantis, acumulando un total de 2499 doazóns, das cales 178 foron de novos doantes. 

Neste senso, a Axencia pon en valor a contribución dun dos principais centros de referencia do tecido empresarial galego que, dende sempre, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón tanto de sangue como de órganos.

Traxectoria solidaria

Hai 28 anos, o Centro de Vigo do Grupo Stellantis comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta compañía como un referente no ámbito estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns.

Subliñar que grazas á colaboración dos profesionais da empresa viguesa que doaron sangue nestas catro campañas anuais promovidas por ADOS, poderán realizarse 1.249 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 500 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración

ADOS subliña a implicación e compromiso de Stellantis Vigo co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, pois unha iniciativa desta magnitude require dunha gran coordinación e implicación de cada un dos departamentos que conforman a factoría viguesa, circunstancia que pon de manifesto, unha vez máis, a xenerosa colaboración brindada por esta compañía a prol do solidario xesto da doazón de sangue. 

Esta dilatada traxectoria de cooperación permitiu que, ao longo dos últimos 28 anos, a empresa viguesa sobrepase as 74.000 doazóns acumuladas, o que a sitúan como referente social de primeira orde no ámbito do altruísmo. Ademais, hai que lembrar que Stellantis Vigo foi galardoada o pasado 15 de xuño, na cerimonia de entrega de distincións no Día Mundial do Doantes de Sangue, por ser a empresa galega con máis doazóns.

Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agradece o seu compromiso e colaboración á dirección do Grupo Stellantis de Vigo, e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde