​COMESAÑA PON EN VALOR A DIETA ATLÁNTICA NA CLAUSURA DO SALÓN XANTAR DE OURENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 11 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, clausurou hoxe en Ourense a 24ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico ‘Xantar’ destacando os efectos positivos sobre a saúde da dieta atlántica.

Durante a súa intervención, Comesaña enumerou os beneficios desta dieta tradicional galega que conta cun consumo elevado de froitas e hortalizas (que achegan antioxidantes), de cereais, patacas e legumes (que son a mellor maneira de aportar hidratos de carbono complexos e fibra alimentaria), o consumo diario de leite e derivados lácteos (excelentes fontes de proteínas de alto valor biolóxico, minerais e vitaminas), o consumo tres ou catro veces á semana de peixes e mariscos ou a moderación no consumo de carnes. 

“Neste salón gastronómico ponse en valor o produto, e tamén é moi importante desde o punto de vista da saúde, a forma de preparación dos alimentos, que na dieta atlántica se caracteriza pola sinxeleza que mantén a calidade das materias primas e, por tanto, o valor nutritivo”, valorou o conselleiro de Sanidade. Neste sentido, desde o Sergas foron atendidas, ata o mes de outubro, 151.920 consultas polos 94 novos nutricionistas incorporados á atención primaria. 

O responsable da sanidade pública galega, no peche do acto ao que tamén asistiu o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, José Luis Cabarcos Corral, fixo referencia á influencia da contorna na saúde das persoas e por iso remarcou o compromiso da Xunta co rural galego.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde