A Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol organizou, en colaboración coa Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía e a Asociación Deportivo Cultural da Área, Adecasfe, un concurso de fotografía e pintura para celebra-lo día das Bibliotecas. Tódalas obras presentadas pódense ver estes días no andar 0 do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Son un total de 21 obras, 8 de pintura e 13 de fotografía.
Nesta mostra, pódense ollar as obras das persoas galardoadas que foron Catalina Martín Suárez pola obra Alquequenje de Pintura; e Sara López Valiña pola fotografía Tango en París al atardecer. O xurado estaba formado por cinco persoas, a supervisora de Calidade, Silvia López; a secretaria da citada Asociación Adecasfe, Amanda López; o pintor e mestre de pintura na Área ferrolá, Manuel Carballeira; e os gañadores na anterior edición Ignacio Ramos, en Pintura; e Javier Rodríguez, en Fotografía.
Lembrar que podían presentar estes traballos de fotografía e pintura tódalas persoas que traballan ou traballaron na Área, tanto no ámbito hospitalario, como nos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada. Igualmente tamén, as persoas que participan nas aulas desta Asociación deportivo cultural da Área.
Os traballos eran de temática libre e presentáronse baixo o sistema de plica. Para a elección das obras gañadoras, recolleron na acta, tomáronse en conta ademais dos criterios establecidos nas bases, o contido, a visualización da obra e a transmisión de sentimentos.