SESIÓN SOBRE MENOPAUSA E SOBRE HIDRATOS DE CARBONO, ACTIVIDADES DESTACADAS POR REGAPS ESTA SEMANA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 11 2023

A Área Sanitaria de Ferrol conta esta semana, entre outras moitas actividades, con dúas sesións que destaca no seu boletín Venres Saudable a Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps). Así, a matrona, Sonia Durán Sierra, ten, como tódolos mércores, unha das sesións semanais dedicada á menopausa para mulleres deste centro sanitario, esta mesma mañá, ás 12:15, na súa sala do centro de saúde de Cariño. Por outra banda, o nutricionista da Área, Celso Abella del Valle, dará unha charla sobre hábitos saudables en relación cos hidratos de carbono, o vindeiro venres 10, ás 12:00, no quinto andar do centro de saúde Fontenla Maristany en Ferrol.

Regaps é a Rede Galega de Promoción da Saúde da Consellería de Sanidade, que na Área ferrolá conta con dúas persoas, a terapeuta ocupacional, Sofía Puente Saavedra; e a traballadora social, Ana López Pardo, que, entre outras accións, poñen en valor e aglutinan as múltiples actividades que realizan os e as profesionais da Área no seu día a día nese eido da promoción da saúde, a  prevención e a difusión de hábitos saudables. 

Escoitar as necesidades das mulleres con menopausa

A matrona, Sonia Durán, recibe tódolos mércores a entre 8 e 10 mulleres para resolver calquera cuestión que elas teñan en torno á menopausa. A primeira metade da sesión aporta cuestións teóricas sobre a mesma, como as síntomas de síndrome xenitourinario da menopausa (dor nas relacións sexuais, prolapsos de órganos pelvianos, sequidade vaxinal ou infección de ouriños) ou os cambios nesta etapa a nivel físico, psicolóxico e social. “As mulleres tenden a normalizar síntomas que  tratándoos poden mellorar, pero dos que moitas veces non falan se non lles preguntas directamente por eles”, explica esta matrona.

Outros temas protagonistas destes encontros son a nutrición e o exercicio. Rompen mitos, aprenden a ler etiquetas, e a adaptar receitas para facelas máis saudables. Fan xuntas unha táboa de exercicios de chan pelviano, e axúdalles a traballar exercicios de forza, posto que está demostrado que aumentar a masa muscular mellora a resistencia á insulina e prevén diversas enfermidades como a osteoporose. Estas sesións tratan, explica, “de potenciar unha menopausa saudable tanto a nivel físico como psíquico, e tamén axudan a que se estableza unha relación con outras mulleres con vivencias semellantes”, afirma. 

Aprender a diferenciar os hidratos de carbono

Pola súa banda, o nutricionista, Celso Abella segue coas súas charlas nutricionais no centro de saúde Fontenla Maristany en Ferrol, e nesta ocasión os protagonistas son os hidratos de carbono, e tódolos “medos e fobias en torno ós mesmos”. Vai sinalar as diferencias entre os distintos hidratos de carbono, onde e de que xeito están presentes; e incidir no control diario dos mesmos segundo o gasto calórico de cada un. Parte dun traballo con máis de 260 persoas, nas que en torno ó 20% síntese culpable nalgunha  ocasión polo seu consumo e o 10% síntese culpable por consumilos, co que diferenciará o control no consumo deses “combustibles, non é o mesmo o arroz que o azucre refinado, por exemplo”, aclara.

Regaps na Área Sanitaria de Ferrol

A Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) é unha organización dependente da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, da Dirección Xeral de Saúde Pública, que se crea a raíz do Plan Obesidade Zero en Galicia, coa fin de potenciar todas aquelas estratexias locais que melloren a saúde da poboación. Está formada por un equipo de traballo multidisciplinar cuxa unidade de coordinación se sitúa na Consellería de Sanidade (tres médicos especialistas en Medicina Preventiva e unha diestista-nutricionista), e conta cun equipo de responsables que se distribúe polas 7 áreas sanitarias para promover iniciativas de promoción da saúde en Galicia. 

Entre os seus obxectivos figuran o xeral de promover estilos de vida saudables na poboación galega; e tamén establecer un nexo de unión entre os actores implicados na promoción da saúde no ámbito local; analizar a situación de cada territorio para optimizar os recursos existentes e implementar outros que sexan necesarios; potenciar a promoción da saúde no ámbito sanitario; desenvolver as liñas estratéxicas do Plan Obesidade Zero en Galicia; ou capacitar ós axentes sociais para que se convertan en promotores da saúde. Estes obxectivos estanse a materializar de xeito concreto. As citadas profesionais da Área sanitaria de Ferrol Sofía Puente e Ana López, emprazadas no andar 0, do Hospital Naval, están a investigar e  mapear a situación inicial en canto a promoción da saúde dos municipios pertencentes á Área, e xa se teñen reunido con 8 dos Concellos. Os resultados estanse a rexistrar en "Atopa Saúde", un aplicativo web de recente creación que estará accesible á poboación a comezos do ano que vén.

Xunto con isto, e entre outras, están a establecer contactos cos diferentes axentes locais (centros de saúde, educativos, e sociosanitarios ou asociacións e clubes deportivos, entre outros) de cada municipio para tecer redes, favorecer que se coordinen para iniciativas comúns de promoción da saúde, e recoñecer o traballo que xa realizan ó darlle visibilidade, como é o caso de incluír estas actividades que xa se realizaban no seu boletín Venres saudable, que chega a tódolos profesionais do Sergas cada primeiro venres de mes. Están a presentar tamén o Plan Obesidade Zero entre os diferentes centros de saúde e hospitais. Estas profesionais facilitan o correo de contacto regaps.ferrol@sergas.es para que tanto os e as profesionais da Área como as mencionadas entidades se poidan pór en contacto con elas e facer confluír as actividades que xeren saúde, “e que a opción saudable sexa a máis doada de escoller”, explican. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde