UNHA SESIÓN DE PROFESIONAIS DA ASF NO CONCELLO DE ORTIGUEIRA PARA COÑECER AS INSTRUCIÓNS PREVIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 11 2023

​Todo o relacionado coas instrucións previas abordarase esta tarde nunha xornada de achegamento da medicina á poboación que organiza o Concello de Ortigueira, no Teatro de Beneficiencia, ás 19:00 horas. Achegaranse a este Concello as profesionais da Área Sanitaria de Ferrol integrantes do Comité de Ética Asistencial, a especialista en Alergoloxía, Mónica Castro Murga; a traballadora social do Centro de Saúde de Pontedeume, María de la O Fresco Torrente; e a residente de Medicina Familiar e Comunitaria, María Andrade Carpente. 

Estas profesionais queren que a poboación coñeza este documento, que saiba que ten o dereito a decidir como quere que sexa a fin da súa vida, e facilitarlle as ferramentas para que poida tomar decisións de futuro. “Non é un documento sen máis”, explica Mónica Murga, “é un dereito do paciente, un proxecto de vida, que pode ser modificado segundo  as súas decisións vitais e circunstancias en cada momento” Esta profesional aconsella   facelo sempre asesorado polo médico, que é a persoa máis indicada para darlle explicacións sobre o que pode ocorrer, e poderá guialo nesas decisións. Un total de 188 persoas da Área Sanitaria de Ferrol rexistraron as súas instrucións previas durante o pasado ano 2022. 

Tomar decisións previas 

As instrucións previas son un documento -regulado por lei- mediante o que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro, e o destino final do seu corpo, coa fin de que esta vontade sexa respectada cando xa non teña capacidade para manifestala. Neste documento a persoa tamén pode designar un representante que será o que actúe como interlocutor co equipo sanitario, cando a persoa sexa incapaz.

Estas profesionais incidiron en todo o que hai ó redor da instrución previa esteas ou non xa ante unha situación de gravidade. O importante é ter sido informado polo profesional das evolucións previsibles da súa enfermidade, e tras recibir esta información, e tras un proceso de reflexión, coa axuda familiar ou dun profesional, decide deixar constancia expresa dos seus desexos e eleccións persoais, sobre ata onde quere chegar no tratamento da enfermidade.

O obxectivo fundamental das Instrucións Previas é que os desexos do paciente sexan respectados, cando xa ten perdida a súa capacidade para expresalos. Abordarán esta tarde os contidos mínimos que debe ter como os valores persoais, o destino final do corpo, as preferencias sanitarias e a designación dun representante ou interlocutor para que vele polo cumprimento do mesmo.

Calquera persoa maior de idade pode realizar un documento de Instrucións Previas; e, para isto, existen uns formularios elaborados por un equipo multidisciplinar do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade, que están tanto no enderezo web da Área Sanitaria como no do Servizo Galego de Saúde. O documento deberá formalizarse ante tres testemuñas maiores de idade, dúas delas sen vínculo de parentesco, de matrimonio ou de carácter patrimonial; ante os profesionais dos rexistros; ou tamén pode facerse ante notario sen necesidade de testemuñas. 

Onde podes rexistralas

Unha vez redactado, é moi conveniente rexistralo ademais de dalo a coñecer ó representante e á familia, e facelo incluír na Historia Clínica. A finalidade deste Rexistro é facilitar o coñecemento sobre a existencia deste documento, e favorecer a súa consulta unha vez que se produce unha situación na que haxa que telo en conta. Existen rexistros autonómicos e un rexistro nacional que ten como finalidade a eficacia dos documentos de instrucións previas en calquera punto do territorio nacional. 

En Galicia, existe o Rexistro Galego de Instrucións Previas, o REGAIP; e, na Área Sanitaria de Ferrol, pódense rexistrar os documentos na Unidade de Atención ao Paciente, e nos centros e saúde de Fene e Pontedeume, sen necesidade de que o paciente sexa dese centro de saúde, segundo explicarán estas profesionais durante a sesión. En calquera momento a persoa interesa pode revocar ese documento deixando por escrito a súa vontade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde