FERROL ACOLLE O ENCONTRO DA SOCIEDADE GALEGA DE ENDOCRINOLOXÍA CON ALTA PARTICIPACIÓN DA ASF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 11 2023

​Dieta atlántica, Evolución biolóxica e obesidade, abordaxe multidisciplinar da patoloxía endocrina, novos marcadores, nutrición clínica, termoxénese como potencial diana terapéutica da obesidade, diabetes, e valoración morfofuncional na práctica clínica son algunhas das temáticas protagonistas do 36 Congreso da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo, que se reúne en Ferrol mañá venres 10 e o sábado 11 de novembro na sede Afundación en Ferrol, e que conta con 130 inscritos non só do ámbito Endocrinolóxico, se non dos centros de saúde e da Enfermaría.

Como indica dende o Comité Científico, o responsable de Endocrinoloxía da Área Sanitaria de Ferrol, Diego Bellido Guerrero, “é un punto de encontro da nosa especialidade e da nutrición coa peculiaridade de mesas traslacionais, con grupos de investigación fortes, con participación específica da Enfermaría, e iso faino diferente a outros congresos doutas comunidades e especialidades”. Indica que contan con relatores de Galicia e con “dúas persoas de talla internacional no ámbito da nutrición clínica e na aplicación morfofuncional”. A temática é variada pero predomina a diabetes e a nutrición con novidades diagnósticas e clínicas. 

Nesa liña coincide tamén a presidenta do Comité Organizador, a endocrinóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Cristina Tejera Pérez, “están invitados grupos de investigación con traballos en marcha a nivel internacional”. Estes profesionais destacan tamén “a mesa multidisciplinar, con implicación de profesionais da Área Sanitaria de Ferrol como Cardioloxía, Oftalmoloxía e Oncoloxía, que interacionan con nós para dar solución ó paciente”.

Investigación e acreditación na ASF

As conferencias inaugurais e de clausura contan cos profesionais do Hospital Virgen de la Victoria de Málaga, Francisco Tinahones, que falará da evolución biolóxica da obesidade e a corrección de erros neste eido tras múltiples investigacións nacionais e internacionais ó respecto; e José Manuel García Almeida, que abordará o pasado, presente e futuro da valoración morfofuncional na práctica clínica, cuestión da que lidera diversas investigacións. No que se refire ó primeiro dos aspectos, lembrar que o Servizo de Endocrinoloxía do CHUF está acreditado pola Sociedade Española de Obesidade e valora as posibles cirurxías bariátricas. 

No segundo dos ámbitos destas conferencias, o CHUF colabora nun destes estudios, o DRECO, con 52 pacientes da Área, “somos o quinto centro recrutador de casos de España”, indica Cristina Tejera. A valoración morfofuncional realízase xa en pacientes desta Área, fundamentalmente, e entre outros, en pacientes con cancro ou ictus, que teñen perdido considerablemente masa muscular e forza por mor da súa patoloxía. Na consulta optimízase o seu estado nutricional tras unha valoración fonda, por exemplo, da masa corporal, a auga, ou nivel de graxa, ademais doutras cuestións, e revisando a historia clínica a nivel analítico e de alimentación.

Tecnoloxía da diabetes na ASF

A diabetes é unha das grandes protagonistas do encontro, o seu manexo nunha alta hospitalaria, as terapias de remisión da diabetes tipo I e a monitorización da glucemia en situacións especiais. Neste eido da diabetes, recordar que na ASF hai preto de 900  pacientes que contan xa con sensores de monitorización, que miden a glucosa ó redor das células de xeito moi semellante ó da sangue. Estes sensores dinlle ó paciente os índices ó longo do día e conta cun sistema de alarma de aviso de glucosa alta ou baixa, co que axudan no control da patoloxía, no axuste da medicación, e na adherencia ós tratamentos.

A dieta atlántica abórdase neste encontro dende o punto de vista da epixenética, como o ambiente e a dieta pode influír na xenética en patoloxías como a diabetes ou a obesidade, e para poder actuar de xeito preventivo; da súa sostenibilidade; ou da creación de scores, de test que midan a adherencia que se ten á dieta e que sexan “referencias para todos para falar todos un mesmo idioma neste eido”. Outra das mesas aglutina diversos marcadores moleculares implicados no cancro e na obesidade, que aínda non teñen aplicación na actualidade pero que son base para o futuro.

Multidisciplinariedade na ASF

Na tarde de mañá venres, profesionais da ASF abordarán a multidisciplinariedade na patoloxía endocrina. O cardiólogo do CHUF, Manuel López, refírese ás afectacións cardiovasculares das enfermidades endocrinolóxicas, centrándose naquelas que máis interrelación xeran entre os dous servizos como son as enfermidades tiroideas a hipertensión e a diabetes. A prevención e detección precoz das mesmas, tanto as afectacións cardiolóxicas como as endocrina, fai que o paciente se beneficie precozmente de tratamentos que impacten no seu prognóstico.

Pola súa banda, a oncóloga do CHUF, Rocío Vílchez, falará das toxicidades endocrinolóxicas derivadas do uso de inhibidores do punto de control (inmunoterapia). Entre os efectos adversos máis frecuentes figuran o hipotiroidismo, a diabetes mellitus inmunomediada, a tiroidite, a hipofisite, ou insuficiencia adrenal primaria. “Focalízase a sesión en detectar estes efectos secundarios, tratalos e monitorizalos para saber cando interromper ou continuar esa terapia”, explica. 

A intervención nesta mesa da oftalmóloga do CHUF, Nuria Olivier, tratará das manifestacións oftalmolóxicas nas enfermidades endocrinas; e da “importancia dalgúns fármacos de recente aparición para enfermidades que compartimos oftalmólogos e endocrinos”. Subliña a importancia da colaboración e manexo multidisciplinar. As tres patoloxías por frecuencia ou relevancia serían, segundo indica, a diabetes, os tumores hipofisarios e a enfermidade tiroidea. Xunto con isto, a maioría das enfermidades endocrinas teñen algunha manifestación ocular, máis ou menos relevante, “por todo isto é moi útil que oftalmólogos e endocrinos traballemos da man no manexo dos pacientes”, remata.

Tamén teñen cabida neste encontro galego de Endocrinoloxía os máis novos neste encontro con aulas abertas de investigación e onde se pode concretar o realizado coas becas das edicións de congresos anteriores. 


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde