O servizo de Anatomía Patolóxica do Álvaro Cunqueiro estreou unha nova Unidade de Necropsias. O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, visitou hoxe as novas instalacións, nas que a Xunta de Galicia realizou un investimento de preto de 300.000 euros.
O obxectivo desta obra de reforma era que os profesionais de anatomía patolóxica poidan practicar en Vigo necropsias de nivel de bioseguridade 3, o máximo nivel de protección para o seu traballo, garantindo a súa seguridade fronte a axentes infecciosos. Así, agora nesta nova sala pódese realizar calquera tipo de autopsia clínica, con independencia dos patóxenos causantes do éxitus.
A obra consistiu basicamente en potenciar a presión negativa da sala de autopsias, e dotar á área dunha esclusa con dobre circuíto de acceso, de entrada e saída.
O Servizo de Anatomía Patolóxica realiza un cento de autopsias clínicas anuais.