MÁIS DE 4.500 PACIENTES BENEFICIÁRONSE DA VÍA RÁPIDA DO MELANOMA DO SERGAS DESDE O 2018
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 11 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a inauguración da 35ª Reunión do Grupo español de dermato-oncoloxía e cirurxía da Academia española de dermatoloxía e venereoloxía (AEDV) celebrada en Santiago de Compostela, remarcou o valor da vía rápida do melanoma do Servizo Galego de Saúde da que se beneficiaron máis de 4.500 pacientes desde a súa entrada en vigor en 2018.

O melanoma, que esta academia profesional prevé que no 2040 sexa o segundo tumor en canto á súa incidencia global, é un dos nove tipos de cancro que contan cunha vía rápida no Sergas. Así, segundo o decreto que regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas e que este xoves foi ampliado no Consello da Xunta, o tempo máximo que unha persoa podería esperar por unha primeira proba diagnóstica ou terapéutica programada e non urxente será de 45 días. Desde a súa entrada en vigor, a media de espera no Sergas para obter un diagnóstico con motivo dunha sospeita de melanoma é inferior aos catro días.

No ámbito da prevención do cancro de pel, o conselleiro de Sanidade, acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, louvou en particular o labor de concienciación sobre o melanoma do doutor Hugo Vázquez, coordinador local destas xornadas e xefe de servizo de Dermatoloxía no CHUS. “A incidencia de cancro de pel aumentou un 40 % nos últimos catro anos e, coa evolución da farmacoterapia, os dermatólogos que brindades tratamentos oncodermatolóxicos tedes un papel fundamental que contribúe a unha avaliación rápida e efectiva”, remarcou Comesaña. 

Este acto contou tamén coa asistencia do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, do que o conselleiro de Sanidade destacou a súa profesión médica e o seu apoio a actos coma este para a difusión, formación e investigación do cancro cutáneo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde