OS SERVIZOS DE ENDOCRINOLOXÍA DOS HOSPITAIS DO SERGAS ATENDERON NO QUE VAI DE ANO A PRETO DE 144.000 PACIENTES EN CONSULTAS EXTERNAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 11 2023

No que vai de ano o Sergas atendeu a case 144.000 pacientes en consultas externas hospitalarias e preto de 18.000 na modalidade e-interconsultas. Así o destacou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, no acto de inauguración do 36 Congreso da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo, no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio Villanueva.

Tal e como remarcou a directora xeral, os notables avances na medicina, así como a prevalencia e cronicidade de moitas das patoloxías que se abordan nesta especialidade, fan que cada ano a endocrinoloxía acade un peso maior no Sergas. 

O departamento sanitario galego, coñecedor desta situación, está a levar a cabo diversas medidas entre as que Sofía López citou o Plan de Obesidade Zero; a Estratexia de Saúde Comunitaria; e a incorporación de 94 especialistas en nutrición en atención primaria, que é un proxecto pioneiro, xa que Galicia é unha das primeiras comunidades que dispón destes profesionais, que levan realizados, ata o momento, máis de 150.000 consultas.

Coordinación entre niveis asistenciais

A representante de Sanidade avoga pola implantación de intervencións e experiencias que fagan a atención máis accesible, efectiva e eficiente, sustentada en modelos integrais que melloren a resposta e a aceptación por parte dos pacientes, sendo necesario traballar de xeito coordinado e multidisciplinar dende todos os niveis asistenciais.

Con esta premisa, o Sergas puxo en marcha, hai uns meses, un protocolo de coordinación entre os centros de primaria, as consultas externas hospitalarias de endocrinoloxía e a rede de unidades de apoio nutricional de primaria. Neste documento, establécense uns criterios de derivación entre as consultas de especializada e as de primaria, dando continuidade á atención, independentemente do nivel asistencial no que se atope o paciente.

Tamén destacou Sofía López o seguimento dos pacientes con diabetes, remarcando que os sistemas de monitorización continua da glicemia son un antes e un despois para os doentes e para os profesionais, posto que facilitan a toma de decisións. Esta tecnoloxía permite, así mesmo, a administración dun medicamento ou o seguimento do paciente dende o domicilio a través da plataforma tecnolóxica TELEA.

Outra medida sinalada pola directora xeral é a implantación de actividades de educación comunitaria que promovan unha alimentación saudable, así como o fomento da actividade física ou a redución do estrés, facendo un adecuado uso dos activos que o paciente ten ao seu alcance. Neste eido, Sanidade xa está a poñer en marcha estas actividades a través dos Plans locais de saúde, que funcionan xa en máis de 40 centros de saúde, e que no ano 2027 estarán implantados no 100% dos servizos de atención primaria.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde