A ÁREA SANITARIA DE FERROL SÚMASE A “RESPIRAR É VIVIR”, LEMA DO DÍA MUNDIAL DA EPOC
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 11 2023

​A Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC) é unha enfermidade que afecta ós bronquios e que implica unha obstrución das vías respiratorias. Maniféstase normalmente en persoas maiores de 35 anos, fumadoras, que comezan a notar certa dificultade para respirar, subir costas, ou refiren falta de vida. A Área Sanitaria de Ferrol súmase a acción Respirar é vivir, lema do Día Mundial da EPOC, que se celebra mañá mércores 15 de novembro.

Aproveitando este día, a responsable do Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Carmen Diego Roza, reunirase cos responsables dos Servizos de Atención Primaria da Área ferrolá para lembrar os aspectos clave do PAI da EPOC, o proceso de atención integrada desta patoloxía co que conta Galicia. Xunto con isto, profesionais deste Servizo organizarán tamén unha mesa informativa na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide do CHUF ofrecendo información sobre esta patoloxía, e invitando a deixar o tabaco, un dos grandes axentes que complican a enfermidade. Outro aspecto peculiar en Galicia que contribúe á súa complicación é a biomasa, a respiración da combustión da leña ou combustibles fósiles tan habitual na comunidade.

Outro aspecto clave que queren destacar neste día é o descoñecemento que as persoas  posúen da súa propia posible afectación. Sete de cada dez pacientes descoñecen que teñen Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), indica a responsable de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, de aí a importancia deste día para potenciar a súa detección. Polo tanto, súmanse recordando as cousas que se poden facer para previr a que xa é a terceira causa de morte. Invitan á poboación da área sanitaria ferrolá a non fumar, e a deixalo se xa se ten ese hábito, xa que é a principal actividade preventiva que a cidadanía pode facer para evitar esta enfermidade.  

“Calquera home ou muller que fume, que teña tose, expectoración, ou falta de vida ó facer esforzo físico, débello comentar ó seu médico”, engaden os especialistas, xa que o infradiagnóstico é un dos grandes problemas desta patoloxía. Outra medida clave é que tódalas persoas diagnosticadas reciban a vacina antigripal e a antipneumocócica, xa que son un grupo de risco para a que está recomendada. Nese senso, recordar que a campaña de vacinación antigripal está aberta.

Detección precoz nos centros de saúde 

Esta patoloxía é a terceira causa de transplante pulmonar por debaixo dos 65 anos, detrás da fibrose quística e a fibrose pulmonar idiopática; e é a primeira de mortalidade evitable. Esta enfermidade afecta ó 16,8% da poboación galega, pero estímase que esa porcentaxe pode ser moito maior debido ó alto infradiagnóstico mencionado, "na metade dos pacientes non diagnosticados, cando aflora, faino en estadíos avanzados", explica Carmen Diego. Esta enfermidade ten moi poucas manifestacións clínicas a pesar das súas grandes consecuencias de aí a importancia da busca activa, e de días como este, que poñen o acento na importancia desta enfermidade.

Sobre a necesidade da busca activa da enfermidade, os especialistas en Pneumoloxía subliñan o papel dos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, claves nesa procura e na ratificación da sospeita a través das espirometrías, unha proba que indica a capacidade pulmonar. Nos últimos anos, e no caso da área sanitaria ferrolá, téñense incorporado espirómetros ós centros de saúde, foi das primeiras en incorporalos. Hai diferentes tipo de EPOC, o que se denominan fenotipos, e a tendencia é a tratar ós pacientes segundo ese fenotipo ou gravidade dese enfermidade pulmonar obstrutiva crónica. Cada vez realízase máis terapia individualizada.

PAI de EPOC

En termos xerais, lembrar que o Servizo Galego de Saúde elaborou en colaboración con profesionais sanitarios de toda Galicia, un Plan de Atención Integral da EPOC que dá conta dos distintos recursos, fluxos e prioridades de traballo en torno a esta moi prevalente, pero descoñecida enfermidade. No caso da Área Sanitaria de Ferrol, implicáronse profesionais de Enfermaría, Alberto Rey Tenjido e Eva Tizón Bouza. O obxectivo final do PAI de EPOC é intentar reforzar as actividades preventivas para diminuír a incidencia da EPOC; aumentar a proporción de pacientes diagnosticados nun acto único; diminuír o infradiagnóstico; prescribir o tratamento correcto; e conseguir a máxima calidade de vida, sempre dentro dunha valoración multidisciplinar. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde