UNHA UNIDADE MULTIDISCIPLINAR ESTÁ A TRABALLAR NA MELLOR ATENCIÓN Á PATOLOXÍA DO SOLO PELVIANO NA ASF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 11 2023

​Unha unidade multidisciplinar formada por profesionais implicados na atención á patoloxía do solo pelviano están a traballar na mellor atención ás mulleres afectadas pola mesma. Estímase que entre un 30 e un 65% das mulleres terán ou teñen algunha afectación relacionada co solo pelviano. Esta cuestión é unha das múltiples sobre a Patoloxía do solo pelviano nas mulleres que se abordará nas XII xornadas que teñen lugar anualmente no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e que organizan a Real Academia de Medicina de Galicia e o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia da Área Sanitaria de Ferrol. 

Máis de 120 profesionais, entre facultativos, profesionais da Enfermaría, matronas, e fisioterapeutas reúnense esta tarde no salón de actos do Arquitecto Marcide para falar sobre epidemioloxía, prevención, diagnóstico e tratamento desta patoloxía. “Hai moitas mulleres con problemas de solo pelviano que non falan deles e ás veces poden ter unha solución, e incluso sinxela”, explica Manuel Veiga Tuimil, responsable do Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia, organizador desta xornada. Este encontro ten como  obxectivo principal optimizar a asistencia as mulleres con estes problemas na Área, fomentando tanto a prevención, que xa realizan moitas matronas nas consultas, como  o diagnóstico e o tratamento precoces. De xeito máis específico, explican, promover a sospeita diagnóstica adecuada de trastornos entre os profesionais sanitarios que atenden á muller; e mellorar a coordinación entre os niveis asistenciais. 

Unidade Multidisciplinar da ASF

Outro dos obxectivos que destacan é "difundir entre tódolos profesionais implicados nesta atención á muller os criterios de derivación ás consultas da unidade multidisciplinar de solo pelviano da Área, recentemente constituída e comenzando a traballar”. Na Área Sanitaria de Ferrol, préstase a atención ó solo pelviano dende moi distintos ámbitos, pero tense configurado unha Unidade Multidisciplinar que está a coordinar esa atención en diversos eidos, fundamentalmente o da xinecoloxía, a rehabilitación, a uroloxía, a cirurxía ou a fisioterapia, por exemplo. 

A constitución da Unidade xa dá conta dos implicados, e está integrada por 1 facultativo rehabilitador, 2 de xinecoloxía, 2 de Uroloxía, 1 de Medicina Familiar e Comunitaria, 2 fisioterapeutas (un do ámbito hospitalario e outro do centro de saúde) e 1 cirurxián.

Trastornos do solo pelviano

O solo pelviano esta formado por un grupo de estruturas (músculos, fascias, ligamentos...) que desempeñan un papel fundamental no mantemento da estática corporal e na dinámica da bipedestación e das vísceras pélvicas. Estas estruturas sofren sobrecarga, tensión e traumatismos ó longo da vida da muller, o que provoca cambios anatómicos e funcionais. Xunto con isto, estados fisiolóxicos como o embarazo, o parto e o climaterio, a obesidade, ou outras enfermidades e situacións, provocan un aumento da presión intraabdominal que son responsables destes cambios. "Moitas mulleres acaban padecendo disfuncións do solo pelviano; e o espectro de trastornos é moi amplo: incontinencia urinaria, dor pélvica, prolapsos, incontinencia de gases e/ou de feces, entre outras. Todo iso ten un enorme impacto sobre a calidade de vida destas mulleres como dificultades no traballo, ou nas relacións sociais e as sexuais, que en moitas ocasións ocultan", explican. 

O diagnóstico habitual baséase na historia clínica e na exploración física. A ecografía pélvica é a proba complementaria mais utilizada. En determinadas ocasións, é necesario recorrer a técnicas máis complexas como a urodinamia para un diagnóstico correcto dalgúns tipos de incontinencia urinaria. 

A atención primaria, indican, é unha peza crave na asistencia ás mulleres con disfuncións de solo pelviano: prevención en grupos de risco, sospeita diagnóstica e tratamento precoces, apoio no día a día ás mulleres xa diagnosticadas, e derivación ás consultas específicas de atención especializada cando sexa necesario. Cun diagnóstico e tratamento adecuados conséguese unha importante melloría na calidade de vida da maioría destas mulleres. Tamén se pode intervir de maneira preventiva en diferentes momentos da vida da muller, nuns para evitar que se produzan algúns dos trastornos e, noutras, para resolvelos ou evitar que progresen. "Son especialmente útiles as intervencións preventivas durante o embarazo e na perimenopausia", continúan.

Existe en Galicia dende 2017 un programa estruturado de prevención e abordaxe das disfuncións do solo pelviano, centrado na prevención e o diagnóstico e tratamento  precoces, cuxo protagonista é a matrona. En 2022, constituíronse as unidades funcionais multiprofesionais. Os principais retos, subliñan, son a organización da atención e a formación do persoal sanitario para facilitar o diagnóstico precoz e o tratamento adecuados. "Aínda que a formación do persoal sanitario acerca das disfuncións do solo pelviano mellorou moito, é necesario que tódolos profesionais da saúde implicados na atención á muller posúan coñecementos acerca da sospeita diagnóstica, os tratamentos adecuados e os motivos de derivación. Son necesarios programas específicos de formación, aspectos polos que profesionais de diversa índole implicados abordarán esta tarde", rematan.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde