O SERGAS DESEÑA UN NOVO MODELO DE ASISTENCIA ÁS PERSOAS CON DIABETES MELLITUS TIPO 2 QUE INCLÚE UN PLAN PREVENTIVO INDIVIDUALIZADO CON RECOMENDACIÓNS DE ALIMENTACIÓN E ESTILOS DE VIDA SAUDABLES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 11 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe un novo modelo modelo de asistencia ás persoas con diabetes mellitus tipo 2, que inclúe un plan preventivo individualizado con recomendacións de alimentación e estilos de vida saudables. O documento é froito do traballo dun grupo de profesionais do sistema sanitario galego, coordinados dende a Subdirección Xeral de Atención Primaria do Sergas, aos que o titular da carteira sanitaria agradeceulles o seu labor.

Tal e como puxo en valor o conselleiro, este proceso asistencial integrado, que actualiza o de 2015, súmase aos catro que o seu departamento presentou este ano, que son o de déficit Alfa 1 Antitripsina; o de Epoc; o da enfermidade inflamatoria intestinal; e o da enfermidade renal crónica.

No acto, no que o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; e polo xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde Remeseiro, o máximo responsable da sanidade pública galega incidiu e que o proceso hoxe presentando recolle todas as fases de atención á diabetes mellitus tipo 2. De feito, “esta atención non só debe ir dirixida ao tratamento, senón, tamén, á detección precoz”. Deste xeito, -remarcou o conselleiro-, “poderemos atallar as complicacións que poden aparecer coa evolución da enfermidade”. 

Plan individualizado

Tal e como detallou Comesaña, a alimentación é un elemento esencial, tanto na prevención como no control desta enfermidade “e queremos proporcionarlle a estas persoas un asesoramento nutricional individualizado continuo”. Para iso, “tense en conta a súa historia clínica e dietética, así como os seus coñecementos e o acceso a alimentos saudables, ademais da súa motivación ao cambio”. 

Unha vez determinadas as necesidades asistenciais da persoa, os seus coñecementos e habilidades na práctica de estilos de vida saudable e recursos, o conselleiro explicou que se elabora un plan de atención individualizado, no que se inclúen obxectivos consensuados entre o profesional e a persoa con esta patoloxía, de tal modo que, ademais dunha dieta personalizada, “inclúense ferramentas como o exercicio físico adaptado ás diferentes situacións”. 

Trátase, por tanto, -proseguiu Comesaña-, “dun proceso que se centra na persoa e non na enfermidade”, posto que, a pesar de que existe un seguimento por parte dos profesionais, o Sergas busca a corresponsabilización das persoas coa enfermidade, asumindo o autocoidado e a realización de exercicio físico como obxectivos propios.

Outra das cousas que destacou o conselleiro deste proceso integral é o carácter multidisciplinar e a visión integradora do sistema sanitario galego, “ao definir as actividades sanitarias a realizar, así como os perfís profesionais de referencia, ademais de reforzar a importancia da promoción da saúde desde a atención primaria”.

Para rematar a súa intervención, o responsable do Sergas subliñou que con iniciativas como a de hoxe, o seu departamento “quere consolidar un modelo de verdadeira atención integral, de coordinación e de continuidade asistencial”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde