Santiago de
Compostela, 16 de novembro de 2023.- Os
principais expertos mundiais están a debater desde esta mañá os últimos datos
sobre investigación en vacinas e enfermidades infecciosas no marco do Taller
Interactivo en Infectoloxía que desde hai xa 11 anos coordina Federico
Martinón, xefe de servizo de Pediatría e da Unidade de Investigación en vacinas
(GENVIP) do IDIS.
As xornadas celébranse na Facultade de Medicina da
Universidade de Santiago de Compostela hoxe e mañá, e será inaugurado esta
tarde polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a xerente da área
sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, e a vicerreitora
de Política científica, Pilar Bermejo.
Así, ante os preto de 400 especialistas asistentes,
estes días falarán dos seus traballos prestixiosos investigadores como Louis Bont, pediatra da Universidade de
Utrecht e Octavio Ramilo, da
Universidade de St Jude en Estados Unidos, que presentarán os últimos
resultados na loita fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), principal
causante de enfermidade respiratoria en nenos, e falaranos da situación da tan
esperada vacina fronte a este patóxeno actualmente en desenvolvemento.
Debby Bogaert, da Universidade de Edinburgo,
desvelará o papel do microbioma nas vacinas, como líder neste campo de
investigación.
Ron Dagan, da Universidade de Ben-Gurion (Israel)
e considerado o maior experto mundial en neumococo falaranos das novas vacinas conxugadas
chamadas a ampliar a protección fronte á enfermidade neumocócica.
Shamez Ladhani, de Saúde Publica do Reino Unido,
contará os últimos avances en inmunización bacteriana e realizará un análise
critico das evidencias sobre vacinación COVID.
Mihai Netea, da Universidade de Rabdoud, explicará
as bases moleculares dos beneficios ampliados das vacinas convencionais a
través das súas propiedades heterólogas.
Sir Andrew Pollard, pediatra e investigador da
Universidade de Oxford, compartirá os últimos datos sobre a loita contra a
febre tifoidea, enfermidade bacteriana intestinal causa de alta mortalidade en
países en desenvolvemento, e a súa prevención mediante a vacinación.
Sidartha Datta, responsable do programa de Vacinas e
Enfermidades inmunoprevenibles da Organización Mundial da Saúde (OMS) abordará,
nunha conferencia especial, o controvertido asunto da equidade en vacinación no
contexto Europeo.
Albert Osterhaus, virólogo da Universidade Erasmus de Roterdam,
e descubridor dunha decena de virus, falará dos últimos retos e avances en
gripe A.
Alicia Solorzano e Rolando
Pajón, informarán das posibilidades de futuro que as plataformas de ARNm
teñen en vacinación, como expertos neste tema e directivos do programa de
desenvolvemento de vacinas de ARNm para Pfizer e Moderna, respectivamente.
Finalmente, Rino
Rappuoli, director do Instituto de preparación pandémica de Italia, e
descubridor da vacinoloxía reversa que deu lugar á vacina de meningococo, compartirá
os requisitos de preparación necesarios para a próxima pandemia.
Sobre GENVIP
O grupo de investigación traslacional de Xenética, Vacinas,
Infeccións e Pediatría (GENVIP- www.genvip.eu) nace no ano 2008 co desafío de
avanzar no coñecemento das causas e bases xenéticas das infeccións pediátricas,
facilitando o desenvolvemento de novas abordaxes diagnósticos e terapéuticos,
vacinas e estratexias personalizadas de prevención.
Á cabeza de GENVIP atópanse Federico Martinón Torres,
pediatra con gran experiencia clínica e científica no campo das enfermidades
infecciosas e a investigación traslacional, Académico de número da Real
Academia de Medicina de Galicia e Catedrático de Universidade, que xunto con
Antonio Salas Ellacuriaga, catedrático da Facultade de Medicina e xenetista de
recoñecido prestixio internacional, achegan ao grupo un factor impacto
acumulado superior a 6000 (JCR 2022). GENVIP conta con equipo novo e
multidisciplinar integrado por pediatras, xenetistas, inmunólogos,
bioinformáticos, matemáticos, farmacéuticos, e persoal de enfermería de
investigación
Saúdos do Gabinete de Comunicación e Imaxe