O CHUAC PARTICIPA ACTIVAMENTE NOS PROGRAMAS ORIENTADOS AO USO PRUDENTE DOS ANTIBIÓTICOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 11 2023

O Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos é unha iniciativa europea de saúde pública anual que se celebra mañá dia 18 de novembro; o seu obxectivo é sensibilizar sobre a ameaza que a resistencia aos antibióticos supón para a saúde pública e fomentar o uso prudente dos mesmos.

Por este motivo, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña non é alleo a esta problemática e participa activamente en distintos programas orientados a lograr este obxectivo, destacando a actividade investigadora que o servizo de Microbioloxía, que dirixe o Dr. Germán Bou Arévalo, realiza en materia de resistencia aos antibióticos.

Más de 25 investigadores adscritos traballan diariamente nesta temática a través de financiamento público-privado, preténdese coñecer os mecanismos polos que os antibióticos deixan de ser efectivos, e cales son os mecanismos microbianos subxacentes. De igual maneira buscar alternativas terapéuticas eficaces para loitar contra estas superbacterias. Destacar a pertenza ao CIBER de Enfermidades Infecciosas, único hospital galego pertencente a esta Rede, e en concreto ao programa de Resistencia a Antibióticos que potencia sen dúbida a investigación neste campo. Dos proxectos de investigación relacionados con este tema, mencionar dous deles.

O proxecto Innovamicrolab, dotado con 5,7 millóns de euros, ten entre un dos seus principais obxectivos a aplicación de técnicas metagénomicas para o rápido diagnóstico de microorganismos resistentes ou multirresistentes, e está financiado con fondos FEDER e cofinanciado pola Xunta de Galicia.

O segundo é o proxecto Gralenia dotado con 1 M de euros, que pretende aplicar a intelixencia artificial para a detección precoz de pacientes con risco de sufrir unha infección por unha bacteria resistente e que se está desenvolvendo no CHUAC (Servizos de Microbiología, Informática, Farmacia, Infecciosas) en colaboración coa empresa galega Bahia Software. Esta empresa coordina o desenvolvemento informático e de algoritmia xunto cos grupos de investigación LyS (Universidade da Coruña) e MedAIlab (Universidade de Murcia) especializados en Procesamento de Linguaxe Natural e Intelixencia Artificial respectivamente.

O proxecto é desenvolvido grazas á concesión dunha axuda destinada a proxectos de investigación e desenvolvemento en intelixencia artificial convocada pola entidade Red.es e con fondos NextgenerationEU.

Son todas elas iniciativas que pretenden mellorar a saúde da poboación adiantando diagnósticos e permitindo un mellor manexo das infeccións causadas por estas superbacterias nos pacientes afectados.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde