PAIS, NAIS, NENOS E NENAS PREMATURAS, E PROFESIONAIS DA ASF, XUNTOS NA I XORNADA DE ENFERMARÍA NEONATAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 11 2023

​A Unidade Neonatal da Área Sanitaria de Ferrol organiza unha xornada moi peculiar esta tarde de venres, na que ademais de  profesionais sanitarios da Área Sanitaria de Ferrol, tamén participarán pais, nais, e nenos e nenas prematuras. Así, esta unidade organiza a I Xornada de Enfermaría Neonatal da Área Sanitaria de Ferrol, aproveitando o Día Mundial do Neno Prematuro, que se celebra hoxe venres 17 de novembro. 

No salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario  Universitario de Ferrol, reúnense profesionais relacionados cos bebés prematuros, e co obxectivo principal, indican, de “transmitir as liñas de actuación tanto a nivel técnico como humano no coidado do pretérmino dende antes de nacer ata o alta nunha unidade neonatal". Xunto con isto, "expoñer os avances na atención prenatal ante un parto prematuro; fomentar a integración dos pais nos coidados; definir os apoios respiratorios cruciais; e mirar cara ó futuro escoitando as experiencias das familias", engaden. Na Área Sanitaria de Ferrol, aténdense unha media anual de 39 nenos prematuros.

Esta xornada incluirá unha metodoloxía presencial na que se abordarán dúas mesas redondas, e unha conferencia inaugural, "Cando o tempo nos alcanza na UCI Neonatal". Na primeira mesa, e parte da segunda, abordaranse temas impartidos por profesionais sanitarios con experiencia na Área Pediátrica e Neonatal, fundamentalmente relativos ós coidados, avances, e atención respiratoria, entre outros. E, na segunda mesa, "dáselle cabida á voz de nenos e nenas e pais e nais, que farán as súas intervencións dende a outra experiencia, a vida", explican. Ó final de cada mesa redonda abrirase un debate que permita o enriquecemento e o intercambio de coñecementos e experiencias.

Día Mundial do Prematuro

Cada 17 de novembro dende o ano 2009, celébrase o Día Mundial do Neno Prematuro, unha data que desexa poñer de manifesto a frecuencia coa que nacen nenos antes de tempo (1 de cada 10 nacementos), e a complexidade e gravidade que presentan moitos deles. Trátase de previr pero tamén axudar ós nenos e ás súas familias para que poidan superar con éxito esta circunstancia. Os profesionais de enfermería da UCI pediátrica Mixta do CHUF na Área sanitaria de Ferrol buscan con esta xornada ofrecer un programa atractivo e de actualidade, poñendo en relevo neste día os avances conseguidos tanto sociais, humanos como científicos, e a grande experiencia adquirida ó longo dos anos, "para  conseguir nos prematuros a máxima calidade de vida futura".

Entre os avances destacan dende a organización da xornada, a nivel tecnolóxico e clínico, "a axuda na maduración prenatal dos grandes prematuros, que se lle administra á nai para que os axude a madurar; ou os respiradores de alta frecuencia ou alto fluxo, entre outras moitas cuestións". Pero a clave, explican, "foi a apertura de portas ós pais para facelos partícipes da prematuridade, pasando de ver ós nenos tras un cristal a poder participar na toma de decisións". E o outro dos grandes avances foi, continúan, a adopción do coidado canguro (método pel con pel, pór ó bebé espido en contacto coa pel da nai ou do pai), fío para poder acadar unha lactancia materna e exclusiva", subliñan.

Esta primeira xornada de Enfermería Neonatal nace con vocación de continuidade e pretende ser un punto de encontro para compartir experiencias e coñecementos entre os profesionais implicados no coidado do neno prematuro e as súas familias. 

Concurso calcetín premiado

Esta mesma tarde, a a Unidade Neonatal do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol dará o premio do concurso de deseño de calcetíns que convocaban hai unhas semanas por mor deste día, que ten como símbolo unha liña de dez pares de calcetíns, entre os que destaca un par de cor morada de tamaño moito máis pequeno. Esta colada representa que 1 de cada 10 nenos nace antes dos 9 meses de xestación; e é por isto que se elixiu o deseño dun calcetín como tema central do concurso.

Podían participar nesta convocatoria tódolos profesionais da Área Sanitaria de Ferrol que estean ou estiveran a desenvolver a súa actividade en calquera dos Centros de Saúde, Puntos de Atención Continuada e centros hospitalarios adscritos a ela, incluídas as empresas externas vinculadas. Cada obra era presentada baixo o sistema de plica.  Podíase presentar en calquera tipo de técnica ou formato. Os traballos avaliáronse de acordo ós criterios de creatividade, mensaxe que aporta, e orixinalidade. Entre as sete obras presentadas seleccionáronse un total de tres como finalistas, que foron convocadas á xornada desta tarde onde se entregará o premio, que é un lote de libros. 


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde