A XUNTA SITÚA O FUTURO CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE EN CARBALLO COMO O PRÓXIMO GRAN FITO DA SANIDADE PÚBLICA DA COMARCA DE BERGANTIÑOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 11 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a inauguración do II Encontro médico de Bergantiños, adiantou o gran fito da sanidade pública na comarca de Bergantiños que suporá o futuro Centro Integral de Saúde (CIS) de Carballo e que aumentará preto dun 50% a superficie do centro actual, ademais de ampliar a súa carteira de servizos. 

Nas súas palabras, o conselleiro agradeceu publicamente ao alcalde de Carballo que o Concello completase xa a tramitación para a obtención da parcela principal anexa ao actual centro de saúde e só está pendente a adquisición das dúas restantes para cedelas á Xunta e así construír o centro sanitario de referencia para a comarca de Bergantiños.

O plan funcional do futuro CIS de Carballo prevé como principal cambio para a cidadanía unha área integral de hemodiálise con ata 25 postos, evitando que os pacientes deban desprazarse á cidade da Coruña. Ademais, o centro, que medrará en 1.800 m2, contará cunha área integral da muller con programa de rehabilitación de solo pelviano e aumentará a área de especialistas de especialistas cunha consulta de enfermería, unha de reumatoloxía, unha de cirurxía e un gabinete de exploración oftalmolóxica.

Así, dase resposta ao Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que, a través dun estudo elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, permitiu localizar os puntos que, concentrando máis poboación, estaban a máis distancia do seu hospital de referencia para valorar a construción dun CIS. Segundo os datos do Instituto, identificouse a comarca de Bergantiños como unha localización onde construír un centro destas características e a Xunta elixiu Carballo ao poder aproveitar o actual centro de saúde, facendo unha actuación de ampliación e modernización.

Investimentos en marcha en Bergantiños

No actual centro de saúde de Carballo, a Xunta ten adxudicada a instalación dun sistema de climatización con aerotermia, investindo máis de 250.000 euros en enerxías renovables, e a adquisición dunha nova sala de raios que duplicará a capacidade da actual, por valor de máis de 180.000 euros.

Ao mesmo tempo, están en trámite adquisicións de equipamento para atención primaria que suporá a chegada de 3 ecógrafos, 2 retinógrafos, 7 desfibriladores, 5 bisturís eléctricos, 11 equipos multidiagnóstico, 5 sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial e máis de 25 padiolas para os centros de saúde da comarca de Bergantiños.

Neste encontro médico comarcal, o conselleiro de Sanidade tivo unha mención especial para os promotores da súa organización, o pediatra Álex Ávila e o psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle. Así mesmo, Comesaña cualificou de “figura histórica da sanidade pública desta comarca” ao doutor Pedro Tasende, que “tristemente nos deixou pero que, desde a súa consulta de pediatría, foi durante moitos anos a referencia de todos os rapaces e rapazas que querían ser médicos”. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde