A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, clausurou o acto de entrega de Insignias e celebración da festividade patronal do Colexio oficial de farmacéuticos da Coruña (COFC).
A representante da Xunta recoñeceu a colaboración dos profesionais farmacéuticos na difusión entre a poboación de información sanitaria. Neste sentido, fixo mención ao convenio vixente entre a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Colexio profesional da provincia coruñesa para animar a ser doante e ao acordo co Colexio provincial de Pontevedra para transmitir pautas a seguir para evitar picaduras de mosquito tigre ou tratalas.
Ademais, a secretaria xeral técnica de Sanidade destacou a colaboración do sector na elaboración da Lei de ordenación farmacéutica de Galicia, unha das máis modernas de España, e que contou cun enorme consenso grazas á colaboración dos Colexios oficiais. Así, o proceso culminou coa aprobación da lei no Parlamento sen ningún voto en contra. Neste sentido, a Xunta mantivo o traballo de consenso ao desenvolver os regulamentos da citada lei, é dicir, a regulación dos sistemas personalizados de dosificación, o regulamento sobre horarios e quendas de garda das oficinas de farmacia ou o decreto sobre publicidade destes establecementos, que actualmente está en tramitación. Neste punto, Natalia Lobato tivo un recordo para a recentemente falecida presidenta do Colexio oficial da provincia de Pontevedra, Alba Soutelo, quen tivo un papel destacado nas achegas á Consellería de Sanidade para elaborar as distintas normativas.