A IMPORTANCIA DA ALERXIA AOS ANTIBIÓTICOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 11 2023

​  

Na Semana Mundial  da Concienciación sobre o Uso dos Antibióticos, o equipo PROA (Programa de Optimización de Uso de Antimicrobianos), xunto coa Comisión de Infeccións e o servizo de Alergoloxía uníronse este ano para enviar unha mensaxe conxunta sobre a importancia da alerxia aos antibióticos.

Con isto, os especialistas queren reiterar á necesidade de diferenciar as alerxias aos antibióticos das reaccións adversas ou efectos secundarios que poden ocasionar estes fármacos. De feito, varios estudos publicados, observaron que preto do 90% dos pacientes que refiren ser alérxicos á penicilina, non o son. Isto ten unha gran importancia, xa que a penicilina e os seus derivados son os antibióticos de elección na maioría das infeccións. O feito de ser alérxico a estes antibióticos obriga a utilizar outros fármacos, menos eficaces e máis tóxicos. Todo isto trae consigo que os pacientes que son alérxicos presentan máis risco de infección cirúrxica, unha maior estancia hospitalaria e un maior risco de ingreso na UCI.

Neste senso, a  coordinadora do Comité de Infeccións e Política Antimicrobiana da Área de Vigo, María Teresa Pérez, afirma que “resulta tan perigoso non rexistrar a alerxia dun paciente, polo risco dunha reacción alérxica grave, como non descartala. Cando se identifica erroneamente a un paciente de alérxico a un antibiótico, se condiciona o seu tratamento e, polo tanto, a eficacia do mesmo e a evolución da súa enfermidade”.

Novo protocolo con Alergoloxía

Na actualidade, na Área Sanitaria de Vigo avalíanse anualmente uns 500 pacientes con  alerxia a antibióticos. Destes, o 90% non son alérxicos. Neste contexto, vaise elaborar un Protocolo co servizo de Alergoloxía para que os pacientes con sospeita de presentar alerxia aos antibióticos sexan derivados a esa especialidade, para a confirmación do diagnóstico. 

A Área Sanitaria de Vigo continúa a desenvolver estratexias para mellorar o uso dos antibióticos. De feito, é a área galega que presenta a mellor taxa de uso destes fármacos nos últimos anos. Unha utilización correcta de antibióticos deriva en menos efectos secundarios, máis seguridade para o paciente e igual eficacia clínica. 

Isto foi posible grazas ao traballo que se vén desenvolvendo polo Comité de Infeccións, Profilaxe e Política Antibiótica, xunto co Equipo PROA. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde