O NOVO TAC SPECTRAL DO HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO BENEFICIOU XA PRETO DE 5.500 DOENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 09 2023
 

​O director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal visitou esta semana os servizos de Radioloxía e Radioterapia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza para coñecer as últimas renovacións de alta tecnoloxía que a Xunta de Galicia ten instalado no hospital clínico. Así achegouse ata o novo equipo de tomografía computerizada (TAC) con tecnoloxía espectral e á nova sala de braquiterapia, ubicada no servizo de Radioterapia. 

 

Neste marco, o CHUS dótase con equipamento de alta tecnoloxía por valor de 8,7 millóns de euros para 11 novos equipos: 5 TACs (un deles con tecnología espectral), 2 gammacámaras, 1 equipo de braquiterapia, 1 resonancia magnética, 1 sala de hemodinámica, 1 sala de neurorradioloxía.

Este novo equipamento instalado no hospital compostelá está dotado coa tecnoloxía máis moderna dispoñible neste ámbito, a tecnoloxía espectral, un avance que mellorará dun xeito considerable o contraste entre os tecidos e a súa resolución -ao permitir a detección de lesións máis pequenas-, ao tempo que se reducen as doses de radiación.

Acompañado pola xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez, o director de Asistencia Sanitaria subliñou que o Servizo Galego de Saúde “está inmerso nun proceso moi ambicioso de renovación e ampliación de equipamentos tecnolóxicos” e destacou que a Xunta de Galicia decidiu complementar os fondos europeos Next Generation con achegas do orzamento autonómico, co obxectivo de adquirir para centros sanitarios galegos o mellor equipamento posible.  

No caso dos TAC, o financiamento europeo destinado a súa renovación tiña prevista a adquisición de equipos de gama media, non obstante, o Executivo galego decidiu complementar esta partida económica con fondos propios, co obxectivo de acceder a un equipamento con maiores prestacións. Así, estes sete equipos de última tecnoloxía cos que se dotou á Sanidade pública galega supuxo un investimento de 8,2 millóns, dos que o 60% (4,8 millóns) corresponderon a fondos autonómicos.

A aposta do Executivo galego por mellorar o equipamento do conxunto de hospitais galegos reflíctese nos 67 millóns de euros empregados pola Xunta para poñer ao alcance, tanto dos profesionais do Sergas como dos pacientes da sanidade pública, 76 novos equipos dotados da mellor tecnoloxía sanitaria.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde