O PARANINFO DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA ACOLLERÁ AS III XORNADAS GALEGAS DE DISFAXIA OROFARÍNXEA ENFOCADAS Á ATENCIÓN INTEGRAL DOS PACIENTES TRAQUEOSTOMIZADOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 11 2023

Preto de 200 profesionais sanitarios relacionados coa atención ao paciente traqueostomizado reuniranse o dia 24 de novembro no Paraninfo da Universidade da Coruña con motivo da celebración das III Xornadas Galegas de Disfaxia Orofarínxea.

A traqueostomía é o procedemento que permite a colocación dunha cánula na vía respiratoria que facilita o intercambio de aire cos pulmóns. Esta técnica emprégase en persoas con dificultades respiratorias, necesidade de ventilación mecánica ou mal control das secrecións.

O seu uso é relativamente frecuente, chegando a realizarse ao 10% dos pacientes ingresados nas unidades de críticos. Sendo cada vez máis habitual tanto nos centros hospitalarios como en unidades sociosanitarias ou no domicilio.

Entre o 50% e o 80% dos pacientes traqueostomizados sofren disfaxia (dificultade para tragar), e destes, o 86% teñen aspiracións silentes, é dicir, non amosan signos de alerta cando os alimentos pasan a vía respiratoria. Os problemas de deglución nestas persoas son moi variables, destacando entre os máis importantes a dificultade para tragar alimentos tanto sólidos como líquidos, necesitando sondas de alimentación para a súa nutrición ou hidratación.

As dificultades para tragar a saliva e as propias secrecións tamén poden impedir o reinicio da comunicación oral, xa que as persoas con traqueostomía e disfaxia grave poden necesitar manter illada a súa vía respiratoria e, por tanto, ver imposibilitada a súa capacidade para falar.

Para reverter todos estes factores que inflúen negativamente na calidade de vida destas persoas, a valoración temperá das dificultades de deglución, así como o uso de determinados dispositivos, como as válvulas fonatorias, ou o emprego de técnicas específicas para mellorar a deglución, amosan ter efectos moi beneficiosos nestes pacientes. Entre os efectos mais beneficiosos atópanse a redución do risco de desenvolver infeccións, a recuperación máis rápida da fala, a redución do tempo de uso de sondas de alimentación, ou a mellora da reintrodución do alimento por vía oral.

Todas estas técnicas de abordaxe son levadas a cabo por equipos multidisciplinares formados por médicos, logopedas, enfermeiras, fisioterapeutas,... polo que resulta fundamental que os profesionais teñan a formación adecuada e traballen de maneira coordinada para mellorar a atención sanitaria a este colectivo de pacientes, que teñen necesidades complexas e específicas, pero que contan cun gran potencial de recuperación se se lles proporciona a asistencia necesaria.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde