RUEDA DESTACA QUE A XUNTA CONSOLIDA O COMPROMISO COA ATENCIÓN PRIMARIA EN VIGO COA APERTURA EN 2024 DO CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE OLIMPIA VALENCIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 11 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno galego consolida o seu compromiso coa mellora da atención primaria en Vigo co novo Centro Integral de Saúde (CIS) Olimpia Valencia no barrio das Travesas, que comezará a funcionar a finais do ano que vén e dará servizo a 42.000 persoas.

A nova infraestrutura sanitaria permitirá concentrar nun mesmo edificio servizos que ata agora estaban espallados pola cidade e contará co último en tecnoloxía. En concreto, o CIS Olimpia Valencia vai integrar a atención primaria ordinaria, a atención urxente e distintos servizos especializados como fisioterapia, odontoloxía ou farmacia. Tal e como explicou Rueda vai ser un “centro de saúde moderno” e adaptado “non só as necesidades de agora” senón tamén a medicina dos vindeiros anos.

A Xunta inviste 14,8 millóns de euros neste novo centro de máis de 7.000 metros cadrados que estará situado no edificio que anteriormente ocupaba a Audiencia Provincial -trasladada á Cidade da Xustiza- e que agora está a ser remodelado para adaptarse as necesidades dun centro sanitario. O presidente fixo fincapé en que este inmoble permitirá “dar unha segunda vida” ao antigo edificio xudicial e manterá “a actividade” no barrio das Travesas.

O primeiro centro destas características que botou a andar en Galicia foi o construído no barrio da Residencia de Lugo e cuxo PAC comezou a funcionar esta mesma semana. Así mesmo, o segundo en poñerse en marcha será o de Lalín e comarca de Deza, cuxas obras están a piques de rematar. Neste sentido, a Xunta quere seguir trasladando este modelo de atención sanitaria ao resto da comunidade e por iso xa está elaborado o proxecto arquitectónico do CIS de Ourense e hai previsión de dotar deste servizo as comarcas de Bergantiños e O Morrazo. “É un modelo que funciona e que axuda a modernizar a nosa sanidade”, resaltou o presidente.

Estas obras enmárcanse na aposta da Xunta por reforzar a atención primaria para ofrecer unha mellor calidade asistencial aos pacientes e adaptar as infraestruturas ás novas necesidades da medicina. Nesta liña, Rueda resaltou que o Goberno galego leva investidos máis de 130 millóns de euros desde 2009 na reforma e construción de 115 centros de saúde e outros 30 millóns na renovación ou ampliación dos equipos diagnósticos en atención primaria. 

Rueda resaltou o compromiso da Xunta coa atención primaria en Vigo ao investir 6,5 millóns de euros na posta en marcha de tres novos centros de saúde desde 2018 -Navia, Taboada Leal e Bouzas- e crear 22 novas prazas de persoal sanitario nos centros da cidade (médicos, enfermeiros ou fisioterapia) desde comezo desta lexislatura.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde