​COMESAÑA PON EN VALOR A CARTEIRA DE SERVIZOS DO PROGRAMA GALEGO DE CRIBADO NEONATAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 11 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a V Xornada galega sobre enfermidades neuromusculares celebrada en Vigo, remarcou o valor das últimas incorporacións de enfermidades ao programa galego de cribado neonatal posto que se puideron detectar dous casos de atrofia medular espiñal (AME) desde a súa posta en marcha en maio deste ano.

“Dous bebés foron diagnosticados de AME, precisamente na área sanitaria de Vigo, e xa comezaron o seu tratamento, o que pode supoñer un gran avance para a súa calidade de vida”, valorou o conselleiro. 

Coa incorporación ao cribado neonatal de AME, de Inmunodeficiencia Combinada Grave (IDCG) e de Hiperplasia suprarrenal conxénita (HSC), a Xunta conta con 34 enfermidades na carteira de servizos de cribado neonatal, a máis completa do Sistema Nacional de Saúde.

Para o diagnóstico de enfermidades neuromusculares, o Servizo Galego de Saúde adquiriu en 2023 equipamento de alta tecnoloxía como o analizador ultrasensible que emprega a técnica SIMOA, valorado en case 400.000 euros, e que detecta no sangue proteínas do cerebro coas que monitorizar a evolución clínica dos pacientes con esclerose múltiple. Desta forma, facilítase a avaliación da efectividade dos distintos tratamentos.

Na mesma liña, a Estratexia de enfermidades raras do Sergas é outra ferramenta fundamental para a súa abordaxe e, xunto co desenvolvemento do Rexistro de Enfermidades Raras, permite ter unha identificación adecuada destas patoloxías en Galicia. 

Do mesmo xeito, a Xunta dispón dunha Estratexia de medicina de precisión que permitirá abrir novos camiños para a investigación, o diagnóstico e o tratamento das patoloxías cun compoñente xenético, como é o caso das enfermidades neuromusculares.

Así, Galicia busca seguir mellorando a calidade de vida non só destes pacientes se non tamén das súas familias e persoas coidadoras.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde