SAÚDE PÚBLICA E ÁREA SANITARIA DE FERROL, XUNTO CON MANRESA, PILOTAN EN ESPAÑA UN CRIBADO EUROPEO DE CANCRO DE PRÓSTATA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 11 2023

Galicia, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e da Área Sanitaria de Ferrol, xunto con Manresa, son os dous centros escollidos en España para o desenvolvemento do proxecto  proxecto europeo  PRAISE-U (Prostate cancer Awareness and Initiative for Screening in the European Union), que ten por obxectivo avanzar na detección temperá do cancro de próstata, para reducir a morbilidade e a mortalidade que derivan desta enfermidade. Integrado no programa EU4Health, o proxecto contará coa participación dun equipo multidisciplinar composto por médicos e investigadores de 25 institucións, pertencentes a 12 países membros. 

Así, entre os obxectivos principais do consorcio, atópanse o deseñar un algoritmo de detección temperá rendible e personalizado para a detección deste tipo de cancro na Unión Europea, ademais de estimular a implementación de programas de detección precoz nos Estados membro. Nesta liña, o feito de conxugar os protocolos e as directrices empregadas polos diferente países participantes permitirá recompilar e a analizar os seus datos máis relevantes, unhas achegas que contribuirán a evitar casos de sobrediagnóstico e sobretratamento. Trátase de coñecer cal é a poboación diana e as probas médicas máis axeitadas para o desenvolvemento dos cribados más eficaces e precisos. A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, terá un papel protagonista no apartado vencellado á posta en marcha dun programa que pilotará a aplicación do algoritmo deseñado no proxecto para o cribado de cancro de próstata.

Participación da Área Sanitaria de Ferrol 

Profesionais da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, da Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), e da Asociación Europea de Uroloxía desprazábanse esta semana á Área ferrolá para pechar distintos aspectos e valorar conxuntamente indicadores relacionados con este proxecto piloto de cribado. O axuste ás necesidades do estudo, o perfil clínico, o equipamento da Área, e a calidade das investigacións neste eido do cancro de próstata da Área ferrolá, fan que esta Área sexa candidata a participar neste proxecto europeo. 

Estaban presentes na reunión o xefe do Servizo de Programas Poboacionais de Cribado, Ángel Gómez Amorín , xunto con dúas técnicas do seu Servizo, Marina Tarrazo e Montse Corujo. Por parte da Área Sanitaria de Ferrol, estaba a directora  de Procesos de Soporte,  Rocío Vílchez Simó; e o responsable do Servizo de Uroloxía do CHUF, Andrés Rodríguez Alonso.

Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade enviará inicialmente entre 10.000 e 12.000 invitacións para participar ós homes da Área Sanitaria ferrolá entre 50 e 70 anos. Estímase que sexa a partir de abril do vindeiro ano. De xeito sinxelo, cunha analítica, valorarase a presenza de marcadores tumorais. Conséguese así un dobre obxectivo, coñecer o perfil de afectación e a quen hai que dirixir os futuros cribados; e, no caso de se detectar estes valores alterados, ese home pasará directamente ás consultas de Uroloxía para o diagnóstico e tratamentos oportunos. 

PRAISE-U, un proxecto europeo multidesciplinar

O cancro de próstata é unha das patoloxías con maior mortalidade entre os homes do norte e o oeste de Europa, sendo o cancro masculino máis frecuente no continente, cunha media anual de diagnoses próxima ás 450.000. Segundo indican dende a Consellería de Sanidade, nas últimas décadas, diferentes estudos demostraron que a realización reiterada de exames de detección contribúen dun xeito significativo a atallar o desenvolvemento desta enfermidade. O atraso no diagnóstico pode conducir a taxas máis altas de metástase, un estado da enfermidade que coincide cunha maior mortalidade, así como cun impacto negativo prolongado na calidade de vida dos pacientes. Sin embargo, a proba primaria (PSA) é moi sensible e provoca un elevado número de falsos positivos, o que conleva un volume non despreciable de sobrediagnóstico e sobretratamento, efectos non desexados nos programas de cribado.

O proxecto PRAISE-U será levado a cabo por un consorcio integrado por expertos académicos, profesionais da saúde, científicos, economistas e asociacións de pacientes de diferentes países membro. Así, fica estruturado de acordo a seis eixos de traballo. As catro liñas principais de traballo están deseñadas para recompilar coñecemento; desenvolver protocolos para os programas de detección; realizar pilotaxes cos protocolos desenvolvidos e, finalmente, avaliar os resultados obtidos.

Ademais, conta con outros dous apartados xerais, destinados a proporcionar un marco para todo o proxecto, e que inclúen as tarefas de coordinación e difusión dos resultados. Cada unha destas liñas de traballo basearase na anterior, e, en conxunto, contribuirán ao obxectivo final de desenvolver unha estratexia que reduza o sobrediagnóstico e sobretratamento e teña un impacto favorable na morbilidade e a mortalidade por cancro de próstata.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde