RECOÑECEMENTO NACIONAL Á ESPECIALISTA DA ASF, ANA MARIÑO, POLO SEU TRABALLO NO ÁMBITO DA INFECCIÓN POLO VIH
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 11 2023

​A especialista en Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario da Área Sanitaria de Ferrol, Ana Mariño Callejo, foi homenaxeada a nivel nacional e por especialistas do seu ámbito na XIV edición del Congreso de GeSIDA (Grupo de Estudo da SIDA-SEIMC), que se está a celebrar en A Coruña entre onte 26 de novembro e o mércores 29. Neste evento, investigadores e profesionais da saúde no ámbito do VIH comparten coñecementos e experiencias e establecen novas colaboracións.

Na tarde de onte domingo, Ana Mariño recibía o premio GeSIDA á Traxectoria Profesional. Como indican as súas propias compaeñiras e compañeiros da Unidade, destacar "unha especial dedicación ós pacientes, a xenerosidade cos compañeiros á hora de crear espazos de formación e investigación, e un firme compromiso coa Área Sanitaria de Ferrol ó longo de 32 dos 41 anos de vida profesional". 

Unha traxectoria por e para o paciente con enfermidades infecciosas

Ana Mariño creou e desenvolveu, xunto co especialista José García, a Unidade de Enfermidades Infecciosas con dedicación especial á infección polo VIH, incluíndo o primeiro Hospital de Día da Área Sanitaria ferrolá. Focalizaron o empeño en tentar unha atención ós pacientes desde un hospital pequeno con recursos limitados, similar á dun hospital grande, tendo en conta a dificultade de acceso á información e ó seu intercambio nas épocas que non existía Internet. A pesar das dificultades , crearon redes de apoio e coñecemento que abriron moitas oportunidades, conseguindo importante proxección nacional e internacional.

Ana Mariño, á fronte do tratamento e seguimento dos pacientes con infección polo VIH, plantexou  un enfoque de atención integral ós pacientes e as súas familias, con especial interese en poboacións especialmente vulnerables. Participou en estudos e ensaios clínicos multicéntricos, colaborando e xerando coñecemento paralelo á evolución da enfermidade. Tamén estivo implicada na elaboración de guías de práctica clínica da infección por VIH, tratamento antirretroviral e comorbilidade a nivel nacional. Colaborou en multiples congresos, reunións e foros de discusión, como asistente, relatora e comunicadora. 

Un aspecto que dá conta da indepenencia e altruísmo na abordaxe da investigación da enfermidede é que o reintegro de beneficios xerados por colaboracións e investigación serviron para  a creación dunha bolsa a través da Fundación Nóvoa Santos, para darlle oportunidade ós profesionais máis novos que se ían incorporando ó labor asistencial na Área Sanitaria ferrolá.

Perfil de Ana Mariño en Infecciosas na ASF

Ana Mariño é licenciada en Medicina e Cirurxía, pola Universidade de Santiago no ano 1981. Foi especialista en Medicina Interna no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e médico adxunto do Servizo de Medicina Interna no Hospital da Costa de Burela. É facultativo Especialista do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol da Área Sanitaria de Ferrol dende o ano 1991. 

Máster en Sida pola Universitat de Barcelona; desenvolveu o seu labor asistencial e investigador na infección polo VIH, sendo investigadora principal pola Área Sanitaria de Ferrol en estudos multicéntricos e ensaios clínicos, e coautora de numerosos artigos científicos. Foi presidenta do Comité de Infeccións, Profilaxes e Política Antimicrobiana da ASF, e membro da Xunta Directiva de GeSIDA entre o 2017 e o 2021.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde