A XUNTA ADQUIRE POR MÁIS DE 350.000 € UN SIMULADOR ENDOVASCULAR QUE PERMITIRÁ O ADESTRAMENTO EN CIRURXÍA E RADIOLOXÍA NEUROVASCULAR E OPTIMIZAR A ATENCIÓN AO ICTUS EN GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 11 2023

A Xunta vén de investir máis de 350.000 euros na adquisición dun simulador endovascular que permite o adestramento da intervención do ictus agudo nun tempo máis curto. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de presentación de resultados do Centro de Simulación Clínica (CESIS). Logo da presentación dos resultados, o titular da carteira sanitaria visitou o centro.

No acto estiveron presentes, así mesmo, o reitor da USC, Antonio López Díaz; a xerente da área sanitaria, Eloína Núñez; a coordinadora científica do CESIS; Luz Couce Prieto; o xefe de servizo de Neuroloxía, José María Prieto González; e o decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez Escudero.

O responsable da sanidade pública galega dixo que o simulador inclúe múltiples módulos específicos de adestramento adicionais, entre os que destacou os de cirurxía e radioloxía neurovascular (intervención cerebral e carotídea) e de cirurxía e radioloxía vascular en zonas periféricas (intervención de arteria femoral superficial).

Todo isto redunda, -sinalou Comesaña-, “na alta capacitación dos profesionais e na optimización da formación a distancia que se imparte neste centro”. Deste xeito, o persoal galego pode formar ao estranxeiro e expertos internacionais poden colaborar tamén na formación dos profesionais da nosa comunidade.

Para o máximo responsable do Sergas, o impulso da xestión do coñecemento e da formación dos profesionais do Sistema Público de Saúde é un obxectivo fundamental do seu departamento. A simulación é unha ferramenta moi importante na formación de profesionais, “posto que permite levar a cabo unha práctica dentro dunha contorna controlada e segura, e, por iso, a Xunta ten incorporada a simulación como parte fundamental da formación do persoal sanitario”.

Tal e como detallou o conselleiro, nos centros do Sergas e nas aulas da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, xa existía distinto equipamento e espazos dedicados á simulación médica, pero dada a especialización dos equipos e dos procesos de simulación, Comesaña remarcou que “era necesario un traballo colaborativo e en rede que permitira compartir os recursos dispoñibles e que facilitara dita especialización”. Isto traduciuse na creación, no mes de xaneiro, da Rede de centros de simulación clínica  do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Para o titular da carteira sanitaria, o desenvolvemento do coñecemento da simulación clínica require, cada vez máis, “da cooperación e do traballo en rede que permita compartir os recursos dispoñibles e facilite a súa especialización”. A tal efecto, incorporáronse, dentro do Plan de formación do persoal do Sergas, actividades nas distintas aulas de simulación médica avanzada, dirixidas fundamentalmente á formación do persoal en situacións de urxencias e emerxencias. O conselleiro explicou que, recentemente, esta formación incrementouse coa dirixida especificamente a persoal sanitario de todos os PACs, que se iniciou cos profesionais desta área sanitaria.

Traballo conxunto da área sanitaria e da Facultade de Medicina

Comesaña, incidiu en que a posta en marcha do CESIS xa supuxo unha innovación moi importante, tanto na docencia pregrao como na formación continuada, remarcando, así mesmo, que “este centro xurdiu das sinerxías da área sanitaria de Santiago e a Facultade de Medicina da USC”, co obxecto de impartir aos profesionais sanitarios unha mellor formación continuada coa práctica de procedementos específicos sen risco para o paciente. 

Na súa  intervención no acto, o conselleiro remarcou que o sistema que emprega o CESIS permite interrelación en tempo real, a través da rede con outros hospitais ou centros de formación, conectando a contorna de simulación a nivel local e global. Este centro, incidiu o conselleiro, “posibilita simular situacións críticas en condicións de seguridade e en tempo real con outros centros a través dun sistema multimedia”.

Para rematar a súa intervención, o máximo responsable do Sergas puxo en valor que os resultados hoxe observados “son a proba de que apostar pola investigación sanitaria é sinónimo de saúde”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde